Ficha biblioteca

Nova A Xunta concede case 17,4M€ en axudas para a reconstrucción dos concellos afectados pola vaga de lumes
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación15/12/2025 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Emerxencias e seguridade Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosAsociacións e ONGs, Cidadáns/ás, Entidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición O Consello deu conta hoxe dun informe sobre as diferentes medidas impulsadas polo Goberno galego para apoiar a cidadanía e os concellos
Detalles contido
A Xunta concede case 17,4M€ en axudas para a reconstrucción dos concellos afectados pola vaga de lumes O Consello deu conta hoxe dun informe sobre as diferentes medidas impulsadas polo Goberno galego para apoiar a cidadanía e os concellos
15/12/2025|Xunta de Galicia

— En materia de vivenda xa se levan aprobadas achegas por máis de 3,8 M€ e transferidos máis de 3,5 M€

— Medio Rural aprobou 484 axudas para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais por un importe de máis de 5,2M€

— A Consellería de Economía e Industria leva concedidas 15 axudas por un importe que supera os 2,2 millóns de euros

— Asináronse acordos con 46 concellos por unha contía de 5 M€ para cubrir os danos en bens municipais e gastos derivados dos traballos de extinción

— A Consellería de Sanidade achegou 80.200 € para financiar as analíticas de control da calidade das augas a través de convenios de colaboración con 23 concellos e 2 comunidades de usuarios

— A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático recibiu 78 solicitudes e xa concedeu axudas por máis de 995.000 € para reparar infraestruturas de uso público danadas dentro da Rede galega de espazos protexidos e para restaurar Tecores

O Consello da Xunta deu conta hoxe dun informe sobre a situación das axudas impulsadas a través de distintas consellerías para a reconstrución dos concellos afectados pola vaga de lumes. En total, concedéronse case 17,4 millóns de euros para apoiar a cidadanía e os concellos en materia de vivenda, explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, negocios ou instalacións municipais, entre outras.

Cómpre lembrar que o paquete de medidas foi aprobado xa no mesmo mes de agosto nun Consello extraordinario o día 29 e publicadas ao día seguinte no Diario Oficial de Galicia para que as persoas e entidades beneficiarias puidesen solicitalas de maneira inmediata.

A Consellería de Facenda e Administración Pública estableceu unha liña de axudas ás persoas afectadas polos incendios por falecemento, incapacidade permanente absoluta ou lesións que motiven a hospitalización. Tratábase de atender as súas necesidades máis inmediatas As axudas outorgáronse, como estaba previsto, de xeito directo debido ao interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorreron. Un total de 6 persoas foron beneficiarias destas axudas, xa aboadas, cun orzamento de máis de 20.000 euros (20.160) para cubrir estadías no hospital que oscilaron entre os 2 e os 80 días.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tramitou coa máxima premura a resolución das axudas ás persoas afectadas polos incendios forestais deste verán, tal como comprometeu á veciñanza afectada. Xa se levan aprobadas achegas por máis de 3,8 millóns de euros e transferidos máis de 3,5 millóns de euros. A Xunta concedeu concretamente 67 solicitudes: 60 en Ourense por un importe de máis de 3,5 millóns de euros e 7 en Lugo por un importe de máis de 270.000 euros. A contía destas achegas pode acadar case 150.000 euros, no caso de vivendas habituais; e no caso de segunda residencia, ata os 66.000 euros.

Desde a Consellería do Medio Rural aprobáronse 484 expedientes por importe de máis de 5,2 millóns de euros. De entre eles, 255 correspóndense con solicitudes para paliar os danos ocasionados nas explotacións agrícolas e gandeiras, e as outras 229 están vinculadas a explotacións forestais.

Cómpre lembrar que desde este departamento se puxeron á disposición das persoas afectadas ata oito liñas de axudas, que cubrirán o 100 % do investimento e que, nalgúns casos, pode chegar aos 200.000 euros por persoa, ben que as liñas son acumulables entre si.

Achega para os centros produtivos e negocios afectados

Pola súa banda, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, impulsou unha liña de axudas directas para apoiar as empresas afectadas pola vaga de incendios deste verán. A convocatoria, destinada a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, contou cun orzamento inicial de 2 millóns de euros, que agora será ampliado para atender as necesidades detectadas. Así, recibíronse 28 solicitudes, das cales 26 foron validadas e foron concedidas finalmente 15, por un importe global de máis de 2,2 millóns de euros.

Cómpre lembrar que a liña de axudas impulsada desde o Igape permite cubrir ata o 100 % dos danos producidos, conforme a valoración recollida nun informe de taxación, cun límite de 600.000 euros por beneficiario. De xeito excepcional, e atendendo á gravidade dos danos e ao seu impacto socioeconómico, a contía pode ampliarse ata un máximo de 1,5 millóns de euros, especialmente cando estea en risco o mantemento do emprego.

Colaboración cos concellos

Canto á colaboración directa cos concellos, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou acordos de colaboración con 46 concellos por un importe global de cinco millóns de euros, destinados tanto a cubrir os danos nos bens municipais como os gastos derivados das actuacións realizadas polas administracións locais e pola veciñanza que colaborou na extinción. Da contía total, 4,1 millóns de euros destínanse a investimentos en 41 concellos beneficiarios, dos cales 30 recibirán o 100 % do financiamento, e os 900.000 euros restantes, a gasto corrente en 38 concellos, dos cales a 32 se lles cobre a totalidade do custo.

Na actualidade tramitáronse xa os 46 pagamentos correspondentes aos municipios que solicitaron o anticipo da achega, o que suma case 1,5 millóns de euros para investimentos e 900.000 euros para gasto corrente. A meirande parte dos concellos beneficiarios son da provincia de Ourense, con 35. A maiores, tres son da Coruña, outros tres son de Lugo e cinco de Pontevedra.

Entre os gastos que se prevé cubrir figuran obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados. Estas axudas tamén cubrirán os custos de limpeza e restauración ambiental; ou de alugamento, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, financiaranse os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivese que asumir.

A Consellería de Sanidade puxo tamén á disposición dos concellos afectados pola vaga de lumes do pasado verán un convenio de colaboración para subvencionar, desde a Administración autonómica, os custos extraordinarios dos labores de autocontrol das augas de consumo humano. En total, a Xunta subscribiu convenios de colaboración con 23 concellos e 2 comunidades de usuarios, e achegoulles un total de 80.200 euros para o control da calidade das augas de consumo.

Estas axudas enmárcanse no Plan de autocontrol reforzado das augas de consumo humano por mor dos incendios forestais para os operadores dos abastecementos posto en marcha pola Consellería de Sanidade. O convenio inclúe o financiamento das analíticas realizadas polos concellos e comunidades de usuarios nas primeiras semanas e nos tres meses posteriores á extinción dos lumes.

Pola súa parte, o corpo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública da Consellería de Sanidade executou labores de vixilancia e asesoramento a todos os municipios da provincia de Ourense afectados e no mes de setembro realizáronse máis dun cento de visitas a estas zonas de abastecemento.

Achegas a varios TECOR

En canto ás dúas ordes de axudas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, recibíronse un total de 78 solicitudes: 62 por parte de entidades e concellos titulares de terreos cinexeticamente ordenados (TECOR) que resultaron afectados polos incendios deste verán e 16 de entidades locais e montes veciñais en man común con infraestruturas públicas danadas dentro da Rede galega de espazos protexidos.

En concreto, das 62 correspondentes para axudas en Tecores xa se resolveron 59 (o 95,1% do total), cun importe concedido de preto de 604.000 euros.. E das 16 solicitudes para intervir e reparar elementos en espazos naturais baixo algunha figura de protección, como sendas, pasarelas, miradoiros, carteis ou mobiliario de áreas recreativas, concedéronse a totalidade das axudas presentadas, que suman máis de 391.600 euros.

 

Temas:Administración local, Emerxencias e seguridade
Colectivos:Asociacións e ONGs, Cidadáns/ás, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido