Ficha biblioteca

Nova Máis do 91% dos fogares rurais de Galicia teñen contratados servizos de internet de banda larga
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación29/12/2025 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración dixital, Sociedade da información, Tecnoloxía e telecomunicacións Tipo de contidoDocumentos/Publicacións, Estudos ColectivosCidadáns/ás, Entidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia, Modernización e Innovación Tecnolóxica (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Por riba do 95% das persoas do rural de entre 16 e 54 anos utilizan dispositivos electrónicos e a porcentaxe é do 74,7% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos
Detalles contido
Máis do 91% dos fogares rurais de Galicia teñen contratados servizos de internet de banda larga Por riba do 95% das persoas do rural de entre 16 e 54 anos utilizan dispositivos electrónicos e a porcentaxe é do 74,7% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos
29/12/2025|Xunta de Galicia

O uso de internet é practicamente universal no rural de Galicia entre as persoas de entre 16 e 54 anos, e máis do 91% dos fogares destas áreas teñen contratados servizos de internet de banda larga, de acordo cos datos do informe Galicia Dixital: A modernización tecnolóxica no rural – Edición 2024 que hoxe publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).

Os datos confirman que a conectividade e os usos dixitais seguen avanzando de forma sostida, reducindo a fenda coas áreas urbanas. O informe constata o avance sostido da conectividade e dos usos dixitais nos concellos rurais de Galicia. A publicación analiza o equipamento informático nos fogares, a contratación de internet e banda larga, os usos de internet e o comercio electrónico, así como a interacción en liña coa Administración pública. O estudo baséase en microdatos da Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) e na clasificación do grao de urbanización aliñada coa metodoloxía de Eurostat.

Máis fogares con ordenador e dispositivos

Nos últimos anos, o equipamento informático nos fogares rurais de Galicia experimentou un crecemento notable. Segundo os datos do informe, a presenza de ordenador —xa sexa fixo ou portátil— e doutros dispositivos como tablets é cada vez máis habitual, achegándose aos niveis das áreas urbanas. Esta tendencia confirma que a dixitalización avanza no rural, aínda que con diferenzas internas que cómpre ter en conta.

A conectividade consolídase

En 2024, a contratación de internet e banda larga no rural galego consolídase como un servizo esencial, alcanzando cifras históricas. Por primeira vez, supera o 91% (91,9%). Este avance achega o rural á media galega, situada no 95,5%, reducindo de forma notable a fenda coa contorna urbana. Ademais, nos fogares con tres ou máis persoas a contratación supera o 98%, mentres que nos fogares unipersoais baixa ata o 78,5%, o que evidencia que a conectividade é xa maioritaria e segue a medrar con forza.

Mocidade galega: liderado en comercio electrónico e e-administración

O uso de internet no rural galego continúa medrando e consolídase como unha práctica habitual na maioría dos fogares. Non se detecta fenda de xénero: a porcentaxe é practicamente idéntica entre homes e mulleres, incluso lixeiramente superior no caso das mulleres (90,6% das mulleres do rural son internautas). As principais diferenzas aparecen coa idade. Entre os 16 e os 44 anos, case todas as persoas do rural declaran usar internet (por riba do 99%), e no tramo de 45 a 54 anos a cifra mantense moi alta, cun 97,2%. A partir dos 55 anos, a porcentaxe baixa ata o 89,7%, e no grupo de 65 a 74 anos sitúase no 63,6%, o que confirma que a idade segue a ser o factor máis determinante no acceso e uso da rede.

O 56,2% das persoas do rural compran por internet, ao subir 3,5 puntos no último ano. Por debaixo dos 45 anos xa compra por internet máis do 80% da poboación do rural.

O 82,1% das persoas que viven no rural interactuaron coa administración a través de internet, superando xa o 56% en todos os tramos de idade.

Máis información en www.osimga.gal.

Temas:Administración dixital, Sociedade da información, Tecnoloxía e telecomunicacións
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia, Modernización e Innovación Tecnolóxica (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia)
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido