Convocatorias das probas de certificación para a obtención do certificado de competencias dixitais na Rede CeMIT, nos seus niveis de iniciación e intermedio
Datas e realización das probas
1. Establécense as seguintes convocatorias de probas:
| Nivel | Convocatoria | Días das probas | Horarios | Prazo de inscrición |
| Iniciación | Febreiro | 25, 26 e 27 | 10.00 h 12.00 h 16.30 h | Do 19 ao 28 de xaneiro |
| Intermedio | Abril | 28, 29 e 30 | 10.00 h 12.00 h 16.30 h | Do 16 ao 25 de marzo |
| Iniciación | Xuño | 17, 18 e 19 | 10.00 h 12.00 h 16.30 h | Do 4 ao 13 de maio |
2. Os detalles de cada convocatoria, as aulas concretas en que se realizarán as probas, os horarios asignados a cada unha delas e o número de prazas ofertadas publicaranse na web da Rede CeMIT https://cemit.xunta.gal cunha antelación mínima dun mes respecto da data de inicio das probas.
3. Na devandita web as persoas interesadas poderanse subscribir a un sistema automático de aviso ou recordatorio de apertura do prazo de inscrición nestas convocatorias, para facilitar a súa matriculación nelas.
4. As probas realizaranse de maneira presencial nas aulas da Rede CeMIT. As localizacións de cada aula pódense consultar na web https://cemit.xunta.gal/centros
Itinerario formativo
1. Co fin de facilitar a preparación das probas de certificación, ponse ao dispor das persoas interesadas material formativo de apoio deseñado para proporcionar os coñecementos e as competencias necesarias para afrontar as probas de cada nivel. En función do nivel correspondente, estarán dispoñibles as seguintes formacións:
| Nivel Iniciación |
| • Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais. |
| • ComDix I. Coñece a contorna dixital |
| • ComDix II. Ten a información dixital sempre á man: buscar, seleccionar e gardar |
| • ComDix III. Tecnoloxías dixitais |
| • ComDix IV. Participa na sociedade dixital |
| • ComDix V. Crea contidos dixitais |
| • ComDix VI. Atopa o benestar dixital |
| Nivel Intermedio |
| • Consulta e xestión da información dixital |
| • Comunicación e colaboración |
| • Creación de contidos dixitais |
| • Benestar dixital: seguridade e privacidade |
| • Contorna dixital e resolución de problemas |
2. O acceso a estes contidos pode realizarse en calquera momento e estarán dispoñibles permanentemente na plataforma de teleformación https://formacion-cemit.xunta.gal
3. O acceso voluntario aos contidos non é un requisito para matricularse nas probas de certificación nin dá dereito á expedición do certificado de competencias dixitais (ComDix), que se obterá unicamente pola superación da proba de certificación regulada nesta convocatoria.
Solicitudes de participación e prazo de inscrición
1. As persoas que desexen participar nas probas de certificación deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da Rede CeMIT https://cemit.xunta.gal antes da finalización de cada prazo de inscrición indicado na base Primeira.1 deste anexo.
2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
Os datos persoais con que a persoa se inscriba na páxina web da Rede CeMIT serán os que se tomen de referencia durante todo o proceso de selección para a participación nas probas e a posterior emisión das certificacións. A Amtega non se fai responsable da emisión de certificacións con datos incorrectos por erros na inscrición ás probas.
3. O prazo de inscrición correspondente a cada convocatoria, que figura na base primeira desta resolución, terá unha duración de dez (10) días naturais contados desde a data de inicio do prazo. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
4. En cada convocatoria só se poderá presentar unha solicitude por persoa participante para unha aula, un día e unha hora. As persoas que figuren rexistradas en máis dunha localidade ou quenda para o mesmo mes de probas o día de finalización do prazo de inscrición serán excluídas automaticamente do proceso de participación.
5. Finalizado o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base cuarta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas en cada unha das localidades na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como a listaxe de reservas e de persoas excluídas.
Criterios de selección
Publicación da relación de persoas admitidas
Procedemento de asignación de prazas non cubertas
Exención do pagamento de taxas de exame
Penalizacións
Desenvolvemento das probas de certificación
1. A proba de certificación para a obtención do certificado ComDix realizarase na plataforma habilitada para o efecto pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
2. A estrutura desta proba será a seguinte:
- • Estará dispoñible tanto en galego como en castelán, para que a persoa usuaria poida seleccionar o idioma no momento de realizar a proba.
- • Constará dun cuestionario composto por entre 60 e 70 preguntas de diversa complexidade que inclúe a avaliación das 21 competencias establecidas na estrutura do Marco galego ComDix.
- • Tipoloxía de preguntas: pregunta simple, múltiple, arrastrar, relacionar...
- • Non haberá penalización por preguntas incorrectas.
- • Durante a realización da proba está permitido o acceso e consulta á internet e aos programas instalados no equipo usado para realizar a proba (navegador, solución ofimática e lector de PDF); de feito, para algunhas preguntas será necesario utilizalos.
- • Dispoñerase dun tempo máximo de 90 minutos para realizar a proba.
- • Serán consideradas aptas aquelas persoas que superen o 60 % das preguntas referentes a cada unha das cinco áreas e o 70 % do total das preguntas.
- • Se algunha persoa candidata non finaliza a proba no tempo establecido, o exame darase por concluído e enviarase automaticamente para a súa corrección.
- • Unha vez que a persoa candidata complete a súa proba poderá coñecer a súa puntuación, o seu resultado (apto/a ou non apto/a) e o número de preguntas incorrectas.
3. As persoas con discapacidade legalmente recoñecida poderán solicitar a adaptación do tempo ou dos medios necesarios para realizar a proba. Esta adaptación deberá comunicarse cunha antelación mínima de cinco (5) días á data de realización da proba por correo electrónico ao enderezo formacion-cemit@xunta.gal
4. Non se autoriza o uso de dispositivos electrónicos ou calquera outro material adicional durante o desenvolvemento das probas de certificación.
Corrección e revisión das probas
1. Inmediatamente despois de finalizar a proba, na mesma plataforma de certificación, as persoas participantes poderán realizar observacións e/ou solicitar a revisión dalgunha pregunta coa que estean en desacordo.
2. Posteriormente, levarase a cabo unha análise das preguntas obxecto de revisión para determinar a súa admisión, anulación ou a posibilidade de modificación delas.
3. As preguntas que resulten anuladas poden supoñer un cambio nos resultados das persoas participantes non aptas. Estas anulacións non afectarán negativamente as cualificacións obtidas por aquelas persoas que xa obtivesen a puntuación de apto/a.
4. A modificación dos resultados finais logo da revisión de preguntas realizaraa de oficio a Administración e seralles notificada ás persoas participantes afectadas.
Publicación da relación dos resultados finais
1. Finalizado todo o proceso de corrección e revisión das preguntas, publicarase na páxina web https://cemit.xunta.gal un anuncio coas preguntas anuladas que puidesen afectar os resultados iniciais das persoas participantes na convocatoria e a listaxe final de persoas aptas con dereito á certificación.
2. As persoas que resulten aptas recibirán un correo electrónico en que se confirme o seu resultado e se indiquen os seus datos persoais e información relacionada coa realización da proba, como xustificante provisional ata a emisión do certificado final.
Emisión da certificación ComDix
1. Esta certificación será emitida de oficio conforme os procedementos establecidos no Marco galego de competencias dixitais e de acordo co que se recolle no documento de bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.
2. Esta acreditación terá unha validez de cinco anos a partir da data de expedición.
Notificacións
1. As persoas que superen as probas de certificación serán notificadas preferentemente por medios electrónicos e poderán decidir e comunicar en calquera momento que as sucesivas notificacións se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/). Este sistema enviaralles ás persoas interesadas avisos da dispoñibilidade das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ao enderezo de correo electrónico incluído na solicitude para os efectos de notificación.
3. As notificacións realizadas por medios electrónicos consideraranse realizadas no momento de acceder ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa obrigatoria, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, considerarase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde que se puxo á disposición a notificación sen acceder ao seu contido.
4. Se por problemas técnicos non fose posible o envío da notificación electrónica, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa que regula o procedemento administrativo común.