Convocatoria das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2026
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2026, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
Bases reguladoras
Orde do 18 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI461A).
Importe
1. ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000,00 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112).
A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, o dito prazo comezará a computar transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, cómpre indicar que o prazo comezará o día hábil seguinte, cunha hora de inicio non antes das 9.00 e a hora de fin de prazo será ata as 20.00 horas.