— Este conxunto de ferramentas tecnolóxicas proporciona unha solución integral para a tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio
— A plataforma reducirá os prazos de tramitación e reforzará a transparencia e a seguridade xurídica — O seu funcionamento combina o uso de tecnoloxías como os sistemas de información xeográfica ou a análise xeoespacial, e probará sistemas de intelixencia artificial e modelos de linguaxe de gran tamaño
— A plataforma consta dun portal de urbanismo, unha plataforma de tramitación, un nodo de coordinación urbanística e un sistema de información xeográfico
— O Consello da Xunta foi informado sobre a evolución da Plataforma urbanística dixital de Galicia
A Xunta de Galicia porá á disposición dos concellos e demais axentes implicados unha plataforma dixital urbanística que permitirá a tramitación integral dos instrumentos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio. O Consello de Goberno foi informado hoxe sobre a evolución e os prazos desta iniciativa que na primeira fase, que se completará en 2027, requirirá dun investimento de máis de 2,5 millóns de euros.
A Plataforma urbanística dixital de Galicia (PUDG), promovida pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, proporciona unha solución para resolver de forma integral as necesidades no ámbito do urbanismo de Galicia. Os principais beneficiarios son os concellos, que constitúen os axentes máis directamente interesados na elaboración e aprobación dun plan ou instrumento de desenvolvemento.
A Plataforma permite realizar de principio a fin todos os procedementos administrativos necesarios para a planificación e xestión urbanística coa participación de todos os axentes. Ademais dos concellos directamente implicados, a plataforma integra a Xunta de Galicia, os organismos que participan nas fases de revisión dos plans por parte das administracións provincial, autonómica e local, outros organismos municipais, como os concellos lindeiros, e a cidadanía que participa na fase de consultas da tramitación ambiental ou no proceso de información pública.
A Plataforma estará aberta á cidadanía para que calquera persoa poida ver en todo momento o estado de tramitación do expediente. E permitirá tamén levar a cabo a xestión da documentación, o que resultará de grande axuda, sobre todo para os concellos máis pequenos, con menos medios técnicos e persoais
O uso destas ferramentas permitirá optimizar a xestión da tramitación, mellorar a prestación de servizos a toda a cidadanía e aumentar a eficiencia, transparencia e seguridade xurídica. Ademais, reducirá os prazos de tramitación, que no caso do planeamento urbanístico é un aspecto dunha enorme importancia. Neste momento está en marcha a primeira fase para a posta en funcionamento da plataforma, que rematará en 2027.
Neste período estarán xa operativos os catro módulos de que consta a Plataforma: o portal de urbanismo, a plataforma de tramitación, o nodo de coordinación urbanística e os visores SIX para a carga, análise e tramitación da información cartográfica. Na segunda fase completarase o sistema cun portal de urbanismo público que permitirá unha maior participación da cidadanía na tramitación dos instrumentos e un módulo SIX tamén en aberto.
O modelo de plataformas tecnolóxicas sectoriais que leva a cabo a Xunta de Galicia consiste na adaptación e preparación de todos os sistemas de xestión dos datos que manexa a Administración para poder dispoñer e usar ferramentas que aproveiten as potencialidades das tecnoloxías que están en fase de desenvolvemento, como a intelixencia artificial, a xestión intelixente do dato, a computación na nube, a internet das cousas, etc.
No caso da Plataforma de urbanismo, neste momento prevese xa o uso de tecnoloxías como microservizos e bases de datos relacionais e non relacionais, sistemas de información xeográfica, aplicacións web interactivas ou análise xeoespacial avanzada. Na primeira fase realizaranse, ademais, o estudo de casos de uso de intelixencia artificial e probas de concepto, con tecnoloxías como visión artificial, modelos de linguaxe natural LLM ou bases de datos vectoriais.
Os principais beneficios da Plataforma son a súa capacidade para coordinar todos os axentes implicados, que permite a xestión integral, que é un modelo máis eficiente porque conta con mecanismos de interoperabilidade e introduce o uso da intelixencia artificial e que proporciona mellor información visual da cartografía dos expedientes urbanísticos.