― O Consello do Goberno galego avaliou un informe sobre esta iniciativa, que se vén realizando desde o ano 2016 e que ata o de agora permitiu actuar en 6.668 camiños municipais, cunha lonxitude total de case 5.257 quilómetros e un importe de axudas de máis de 155.600.000 euros
― Os beneficiarios son todos os concellos de Galicia e serán subvencionables as actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación
― Estas axudas convocaranse mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o 5 de febreiro, e o prazo para presentar as solicitudes por parte dos concellos será dun mes desde o día seguinte ao desa publicación
A Xunta destinará un total de 18.998.480 euros a financiar os concellos galegos para levar a cabo actuacións en camiños rurais no período 2026-2027. Será mediante unha nova liña de axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) e cuxa publicación está prevista para o 5 de febreiro. A partir dela, os municipios terá un mes para presentar as súas solicitudes.
Os beneficiarios destas achegas son todos os concellos de Galicia e serán subvencionables as actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación. Para estes efectos, enténdese por rede viaria as propias vías do asentamento e as que conecten entidades de poboación entre si ou coa rede principal.
As intervencións poderán ser de ampliación ou mellora. As primeiras, que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando represente rematar nunha estrada ou noutro camiño.
Enténdese por actuacións de mellora aquelas que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a
integración ambiental ou a mellora da sinalización.
Máximo, dous proxectos por concello
Cada concello poderá presentar ata un máximo de dous proxectos. Cada proxecto poderá comprender un máximo de tres actuacións. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. O orzamento de execución material de cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000 euros.
Para a selección das actuacións proxectadas utilizaranse diferentes criterios establecidos na normativa europea de aplicación. Así, teranse en conta aspectos como o número de habitantes da entidade de poboación á que dá acceso a actuación; proxectos que se desenvolvan en zonas de montaña; a calidade técnica do proxecto e as características da actuación e a conexión do camiño en que se proxecta a actuación con outra estrada.
Os fondos asígnanse para todos os concellos partindo de cantidades fixas que se modulan empregando criterios de localización, despoboamento, superficie do concello e un coeficiente de agrariedade, onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria, que é a que se prima desde a PAC, e que debe ser o eixe principal da actividade económica no rural. A asignación fixa por concello será de 24.550 euros, e a partir de aí amplíase o orzamento segundo outros criterios.
A Xunta vén actuando nesta materia desde o ano 2016, primeiro a través do Plan marco e logo do Plan camiña rural (a partir de 2025). Unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 para as anualidades 2025 e 2026, o global de actuacións levadas a cabo será de 6.668 camiños municipais, cunha lonxitude total de case 5.257 quilómetros e un importe de axudas de máis de 155.600.000 euros