Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar o contido ofrecido.
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, anunciou que desde mañá xa se poderán solicitar as axudas destinadas ao impulso de accións e iniciativas de promoción da igualdade no ámbito local, nas que a Xunta inviste máis de 650.000 euros. Así o avanzou durante unha visita ao Centro de Información á Muller de Coirós, un dos beneficiado na pasada convocatoria.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta orde de achegas que poderán solicitar os concellos e que está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FSE+. En concreto, as accións beneficiadas deberán centrarse na promoción da igualdade, na atención e acompañamento xurídico, psicolóxico ou social, así como a orientación sociolaboral das mulleres en situación de vulnerabilidade. Así, cada proxecto poderá recibir un máximo de 28.000 euros nas iniciativas que se desenvolvan en máis dun concello e 15.000 cando só se realicen nun municipio.
Durante a visita, María Quintiana avanzou que esta orde de achegas poderá beneficiar a algo máis de 1.800 mulleres de aproximadamente 72 concellos galegos. Neste sentido, puxo en valor o papel que desenvolven as entidades locais na promoción da igualdade de xénero e na loita contra as violencia machistas grazas á súa proximidade e facilidade para chegar a toda a cidadanía con accións de sensibilización e prevención ou a través de recursos como os CIMs.