O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Xunta inxectará 150 millóns de euros adicionais ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata 2028, en virtude do acordo asinado entre a Administración autonómica e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). “é unha cifra importante e oxalá poida ser maior. Se tamén cumpre a súa parte o Goberno central probablemente se podería cubrir todo o coste do SAF para que os concellos non tivesen que aportar nada”, apuntou, facendo referencia a que o Goberno central non está a achegar o 50% que lle corresponde na atención á dependencia.
O titular do Executivo galego e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, ratificaron esta mañá coas súas firmas o acordo que recolle este compromiso, e que Rueda valorou como un exemplo de colaboración institucional. “A Xunta fai un esforzo importante, igual que os concellos. Moitos alcaldes querían chegar a este acordo, e agradezo que finalmente puidésemos alcanzalo”, resaltou o presidente. No acto de sinatura estivo presente tamén a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.
Segundo explicou, a efectos prácticos isto supón que o financiamento por hora, actualmente situado en 12 euros, que de forma inmediata pasarán a ser 16, en 2027 serán 17 e 18 en 2028. Un incremento que “ten aínda máis entidade se tomamos como referencia os datos de 2021”, ano no que se asinou o anterior acordo coa Fegamp. Ata entón, o financiamento por hora era de 9,7 euros. Polo tanto, ao pasar a ser de 18 euros en 2028 a Xunta está practicamente duplicando o orzamento en menos de dúas lexislaturas. “Esta é unha medida importante por parte da Xunta, e que se engade ao esforzo que estamos facendo en outras axudas en materia de dependencia, como o Bono Coidado”, salientou.
O presidente da Xunta fixo fincapé en que chegar a este acordo requiriu moitos meses de negociación e agradeceu o traballo que se fixo, por ambas partes, para que fose posible: “Un acordo que vén despois de moitas negociacións e conversas, como hai que facer sempre cando o que se pretende acordar é moi importante. Sempre hai que aspirar ao mellor dos acordos, e creo que este é un bo acordo”, apuntou.
Así, destacou o valor da política de diálogo fronte á confrontación. Neste sentido, lamentou que o Goberno central presentase un recurso ante o Tribunal Constitucional que bloqueou o plan de choque de dependencia posto en marcha pola Xunta e que estaba dando moi bos resultados na axilización da tramitación, posto que “vai impedir que podamos seguir adiante coa eficacia que o estabamos facendo ata agora” ao anular as homologacións automáticas do grao de discapacidade.