Ficha biblioteca

Nova Os concellos poden solicitar desde mañá as axudas da Xunta para mellorar a xestión dos residuos, que contan cun orzamento de máis de 5,1 millóns de euros
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación06/02/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Medio ambiente, Desenvolvemento sostible Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosEntidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia, Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, que inclúe novidades como liñas de achega adicionais e requisitos máis flexibles para que poidan chegar a un maior número de entidades locais da comunidade
Detalles contido
Os concellos poden solicitar desde mañá as axudas da Xunta para mellorar a xestión dos residuos, que contan cun orzamento de máis de 5,1 millóns de euros O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, que inclúe novidades como liñas de achega adicionais e requisitos máis flexibles para que poidan chegar a un maior número de entidades locais da comunidade
06/02/2026|Xunta de Galicia
  • Os municipios xa non están obrigados a aportar o 10% do investimento e o IVE será subvencionable, o que reduce o esforzo financeiro que terán que facer beneficiando así aos de menor tamaño e con menos capacidade financeira
  • As accións para a recollida e tratamento dos biorresiduos divídense en tres liñas que suman máis de 3 millóns de euros e os proxectos de modernización e mellora de puntos limpos contarán cunha partida conxunta de máis de 1,6 M€

 

Os concellos galegos poden solicitar a partir de mañá, e durante o prazo dun mes, as axudas da Xunta para a execución de proxectos e medidas que contribúan a optimizar a xestión dos residuos de competencia municipal. A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, conta cun orzamento de máis de 5,1 millóns de euros distribuídos en distintas liñas -algunhas delas novas- para avanzar cara a un modelo de economía circular a nivel local e na loita contra o cambio climático.

Nesta ocasión unifícanse nunha única orde as distintas liñas de axudas e flexibilízanse os requisitos de acceso a elas coa finalidade de que cheguen a un maior número de entidades locais, incluídas as de pequeno tamaño. De feito, froito da experiencia acadada en anos anteriores, decidiuse eliminar a achega económica obrigatoria do 10% do proxecto que debían facer os concellos. Agora a Xunta asumirá o 40% do investimento e o 60% restante sufragarase a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o período 2021-2027.

A maiores, o IVE será subvencionable, polo que se reduce aínda máis o esforzo financeiro que terán que facer os municipios e facilítase unha participación máis ampla, incluso daqueles de pequeno tamaño e con menor capacidade financeira. Entre os cambios introducidos tamén está o establecemento de límites máximos de axuda fixos por proxecto, iguais para todos os concellos, eliminando o cálculo baseado no número de habitantes, ao tempo que se incorpora un criterio poboacional na valoración, que favorece aos municipios máis pequenos e facilita o seu acceso ás achegas.

Co mesmo obxectivo, de mellorar a eficacia do gasto público, a equidade territorial e a capacidade real de execución dos proxectos municipais, a asignación de fondos das distintas liñas de axudas responde ás necesidades detectadas en convocatorias anteriores e ás obrigas normativas máis inmediatas.

A recollida e tratamento de biorresiduos conta con tres liñas de axuda que suman un orzamento de algo máis de 3 millóns de euros. A primeira céntrase na recollida separada, por importe de 730.000 euros, e nela valóranse especialmente os proxectos de grandes produtores de sectores como o da hostalería ou o da alimentación.

A segunda liña ten como obxectivo a adquisición de vehículos específicos para a recollida de biorresiduos, cun orzamento de preto de 1,8 millóns de euros. Nesta ocasión este tipo de accións -xa financiadas en anos anteriores- inclúense nunha liña específica dada a súa entidade e importancia orzamentaria co fin de permitir a profesionalización do servizo, mellorar a eficiencia operativa e facilitar a implantación territorial da recollida separada, especialmente en concellos con dispersión poboacional.

Mentres, a terceira liña de achegas de biorresiduos está dirixida á posta en marcha de iniciativas que contribúan a avanzar na implantación da compostaxe doméstica e comunitaria, cun importe de 560.000 euros.

A liña catro, cun orzamento de 125.000 euros, é para accións relacionadas coa xestión de residuos téxtiles e que permitan garantir a continuidade da implantación da recollida separada desta fracción en cumprimento das obrigas europeas. Neste sentido, cómpre lembrar que a directiva comunitaria establece como obrigatoria a recollida selectiva do residuo téxtil a partir do 1 de xaneiro de 2025, exixencia que, unida ao crecemento progresivo experimentado por esta fracción nos últimos anos, fai moi interesante calquera iniciativa que favoreza a separación, reutilización e reciclaxe desta fracción.

Puntos limpos

As liñas 5 e 6, cun orzamento conxunto de 1.650.000 euros, están dirixidas a accións de modernización e mellora dos puntos limpos fixos e móbiles co fin último de consolidar e optimizar a rede de recollida separada de residuos domésticos especiais que quedan fóra do servizo domiciliario e non se poden depositar en contedores específicos. Trátase dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), voluminosos, aceites, residuos perigosos domésticos, entre outros.

A sétima liña, de nova creación, está dotada con 290.000 euros e permite apoiar por primeira vez de forma específica proxectos de dixitalización dos servizos municipais de residuos e a implantación progresiva de sistemas de pago por xeración. En esencia, esta medida busca avanzar cara a unha maior trazabilidade dos residuos, eficiencia do servizo e taxas máis xustas e transparentes para o conxunto da cidadanía.

A dixitalización dos servizos municipais de residuos ten como fin último modernizar a xestión do lixo usando tecnoloxía para que os concellos organicen mellor o servizo e eviten gastos innecesarios poñendo en marcha sistemas que, entre outras funcionalidades, indiquen cando un contedor está cheo -evitando recollidas innecesarias- ou axuden a que os camións fagan menos quilómetros e, por tanto, consuman menos combustible, beneficiando ao medio ambiente.

En canto á implantación progresiva de sistemas de pago por xeración, a filosofía non é implantar novos impostos senón que cada concello poida organizar de maneira máis xusta as taxas de residuos apostando por premiar a quen recicla e xera menos residuos, non castigar. Iso podería materializarse en medidas como bonificacións para os fogares que separen ben os residuos ou o axuste das taxas en función dos hábitos responsables.

Ao final, búscase mellorar o servizo coa axuda da tecnoloxía e usar os datos dispoñibles para axustar os impostos, modernizar o servizo, facelo máis xusto e eficiente e premiar os comportamentos responsables por parte da cidadanía.

Temas:Administración local, Medio ambiente, Desenvolvemento sostible
Colectivos:Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia, Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido