O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal impulsou máis de 300 actividades de formación, sensibilización e divulgación, que beneficiaron a máis de 11.000 persoas. Son datos do balance anual 2025 presentado esta semana durante a IV Asemblea do Nodo, que reuniu ás entidades integrantes do ecosistema e na que participou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey.
O máximo responsable da Axencia autonómica agradeceu a implicación e o compromiso das entidades adheridas e puxo ao Nodo como exemplo de colaboración público privada para afrontar os retos da ciberseguridade. O director incidiu na importancia de compartir coñecementos, recursos e capacidades para seguir desenvolvendo accións de sensibilización e formación para cidadanía, empresas e administracións públicas.
Actividades 2025
Durante o último exercicio o Nodo desenvolveu desde xornadas técnicas a talleres especializados, accións formativas e eventos como a V edición do Encontro CIBER.gal, que rexistrou un incremento do 43% na participación respecto a 2024. Estas iniciativas contribuíron a reforzar as capacidades en ciberseguridade de públicos diversos, desde alumnado e persoas maiores ata persoal técnico e especialistas, adaptando os coñecementos sobre ciberseguridade ás necesidades dos distintos colectivos. Ademais, publicouse o Informe sobre a ciberseguridade nas empresas de Galicia 2025, elaborado por OSIMGA en colaboración co IGE.
Outra parte destacada da actividade do Nodo foi o impulso de campañas de concienciación dirixidas á cidadanía, entre as que sobresae a iniciativa #CiberEsther, desenvolvida en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).
Ao longo de 2025, esta campaña acadou máis de 4 millóns de visualizacións, combinando vídeos de #CiberEsther con pezas curtas para redes sociais e con entrevistas a persoas expertas en programas de alta audiencia da TVG.
Apoio ás entidades locais
En paralelo, o Nodo CIBER.gal desempeñou un papel clave no reforzo das capacidades de concellos e deputacións, ofrecendo servizos avanzados de ciberseguridade e monitorización 24 horas o día, 7 días á semana, a entidades locais. Ao longo do exercicio supervisáronse máis de 2.300 activos dixitais en entidades locais, posibilitouse a protección de 6.000 equipos, e realizáronse 72 auditorías técnicas para mellorar a resiliencia dixital das entidades adheridas, o que evidencia a eficacia dos mecanismos de detección temperá e resposta.
Novas adhesións e actividades para o 2026
O ano 2025 serviu, tamén, para afianzar o Nodo CIBER.gal como un espazo de colaboración público-privada de referencia en Galicia. O ecosistema continuou medrando coa incorporación de sete novas entidades, elevando a preto de 60 o número total de organizacións participantes, entre administracións públicas, empresas tecnolóxicas, centros de coñecemento e entidades do ámbito xurídico e asociativo.
De cara a 2026, o Nodo CIBER.gal centrará a súa actividade en reforzar as accións de formación e concienciación, ampliar os servizos de apoio ás entidades locais e seguir promovendo a colaboración entre os distintos axentes implicados no eido da ciberseguridade. Entre as principais iniciativas previstas, destaca a posta en marcha do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, chamado a converterse nun elemento tractor para a innovación, a capacitación especializada e o posicionamento de Galicia como referente en ciberseguridade a nivel estatal.