A Xunta de Galicia avanza que este ano un maior número de concellos se poderán beneficiar das axudas para a xestión dos residuos, -cuxo orzamento global ascende a 5,1 millóns de euros- grazas á flexibilización dos seus requisitos.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, ángeles Vázquez, durante a súa intervención na clausura da Xornada de presentación de axudas ás entidades locais en materia de xestión dos residuos de competencia municipal, na convocatoria destas liñas de financiamento de 2026 “reforzamos o apoio ás entidades locais cun enfoque máis xusto, máis adaptado á realidade municipal e orientado a resultados”.
En concreto, os concellos xa non terán que realizar unha achega económica obrigatoria do 10% do proxecto senón que a Xunta asumirá o 40% do investimento e o 60% restante sufragarase a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A maiores, o IVE será subvencionable, polo que, tal e como dixo ángeles Vázquez, se reduce aínda máis o esforzo financeiro que terán que facer os municipios e se facilita unha participación máis ampla, incluso daqueles de pequeno tamaño e con menor capacidade financeira.
Nesa liña, nos cambios realizados tamén figura o establecemento de límites máximos de axuda fixos por proxecto, iguais para todos os concellos, eliminando o cálculo baseado no número de habitantes, ao tempo que se incorpora un criterio poboacional na valoración, que favorece aos municipios máis pequenos e facilita o seu acceso ás achegas.
Durante a súa intervención, a conselleira engadiu que a asignación de fondos das distintas liñas de axudas responde ás necesidades detectadas en convocatorias anteriores e ás obrigas normativas máis inmediatas co obxectivo de mellorar a eficacia do gasto público, a equidade territorial e a capacidade real de execución dos proxectos.
Deste xeito, o Goberno galego mantén o seu compromiso de apoiar os concellos para que avancen “cara a unha xestión dos residuos máis sostible e eficiente a través tanto de financiamento como do desenvolvemento dun modelo estable, coherente e con impacto real no territorio”, incidiu a conselleira.
Liñas de financiamento e Oficina de economía circular municipal
Máis polo miúdo, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, explicou as diferentes liñas de actuación ás que van destinadas as axudas. O maior orzamento destínase ás axudas para a xestión dos biorresiduos, con máis de 3 millóns de euros. Outro dos aspectos que conta cun maior financiamento é a adquisición de puntos limpos fixos e móbiles, cuxo orzamento ascende aos 1,6 millóns de euros.
Ademais, este ano créase unha nova liña destinada a apoiar proxectos de dixitalización dos servizos municipais de residuos co obxectivo de avanzar cara a unha maior trazabilidade dos residuos, eficiencia do servizo e taxas máis xustas e transparentes para o conxunto da cidadanía.
A maiores destes apoios financeiros, a Xunta puxo o pasado ano á disposición dos concellos a Oficina de economía circular municipal, que é un servizo de asesoramento personalizado que ofrece acompañamento técnico a medida, resolución de consultas expertas e apoio na implantación de proxectos e iniciativas neste eido. “Esta oficina, xunto coa de economía circular industrial de apoio ás empresas, están a reforzar a capacidade técnica do territorio e sitúan Galicia na vangarda da economía circular”, concluíu a conselleira.