Ficha biblioteca

Nova A Xunta instala máis de 250 paneis divulgativos en preto dunha vintena de concellos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación16/02/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración pública Tipo de contidoNovas ColectivosEntidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Ángeles Vázquez salienta que está previsto colocar un total de arredor de 600 indicadores e chegar a 41 municipios, co que se dotará destes elementos a todas as áreas con maior risco de que se produzan asolagamentos así como máis perigosas
Detalles contido
A Xunta instala máis de 250 paneis divulgativos en preto dunha vintena de concellos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación Ángeles Vázquez salienta que está previsto colocar un total de arredor de 600 indicadores e chegar a 41 municipios, co que se dotará destes elementos a todas as áreas con maior risco de que se produzan asolagamentos así como máis perigosas
16/02/2026|Xunta de Galicia
  • O obxectivo desta acción de Augas de Galicia é advertir das implicacións destas zonas e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento
  • O Executivo galego está a tramitar xa o novo Plan de Xestión do Risco de Inundación para o período 2028-2033, que cataloga 172 Arpsi fluviais cunha extensión de 566 quilómetros susceptibles de sufrir desbordamentos en caso de choivas intensas

 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, ángeles Vázquez, visitou hoxe áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) de varios concellos da provincia da Coruña (Betanzos, A Coruña e Sada) nas que se instalaron paneis informativos para concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións destas zonas así como informar das medidas preventivas e pautas de actuación para a veciñanza en caso de producirse algún episodio deste tipo.

A responsable autonómica explicou que ata o momento se colocaron máis de 250 indicadores en preto dunha vintena de municipios da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e que está previsto instalar máis nos próximos meses para chegar a un total de arredor de 600 en 41 concellos. Deste xeito dotarase deste tipo de carteis a todas as Arpsi do grupo IV, as de maior risco de rexistrarse asolagamentos e tamén de perigosidade.

A conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, detallou que a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) e no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) deseñado ao seu abeiros.

Augas de Galicia colocou xa estes paneis informativos nun total de 19 concellos que contan con áreas con alto risco de inundación no seu territorio. A Betanzos, Sada e A Coruña engádense Ames, Gondomar, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Arteixo, Fene, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, A Pobra do Caramiñal e Ferrol.

ángeles Vázquez destacou que o organismo autonómico reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria relativa á xestión do risco de inundación.

Paneis con formatos e mensaxes adaptados

Os paneis que adoitan instalarse nestas zonas son de tres tipos: xerais -con información sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento-, reducidos -con información básica para casos de emerxencias- e infantís, cunha estética e linguaxe máis simples e adaptadas á idade do público ao que van dirixidos e colocados na contorna de parques e espazos de lecer para a cativada.

Os traballos para instalar estes novos carteis na contorna das canles fluviais enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de arredor de 700.000 euros.

Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga. Polo momento, desde a primeira edición desta campaña -desenvolvida durante o curso 2023-2024- o Executivo galego chegou a un total de 74 municipios e a máis de 10.000 escolares.

O PRXI

O Plan de xestión do risco de inundación vixente (2021-2027) inclúe un total de 170 Arpsi fluviais, cunha extensión de 548 quilómetros de río, e 28 Arpsi costeiras, cunha lonxitude de 160 quilómetros. Ao abeiro dese plan lévanse desenvolvido numerosas actuacións nos distintos concellos co fin de minimizar os riscos de asolagamento e reducir o seu impacto na cidadanía e nas súas propiedades.

A maiores, xa se está tramitando un novo PXRI para o período 2028-2033 que cataloga 172 Arpsi fluviais (dúas máis que o actual) cunha extensión de 566 quilómetros vulnerables, susceptibles de sufrir desbordamentos en caso de episodios de choiva intensa e enchentes. Trátase de instrumentos de planificación vitais para planificar actuacións nas zonas máis sensibles e reducir os efectos destes episodios.

Temas:Administración pública
Colectivos:Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido