- O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento distribuirase en dúas anualidades: 30 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, e por Marcial Grela, presidente de Aprofar (Asociación Provincial de Forneiros e Artesáns da Coruña, e outros membros da xunta directiva, visitou as instalacións entidade que imparte unha accións formativas para desempregados (AFD) grazas a unha achega da Xunta de case 65.000 euros, centrada en Panadería e Bolería. Este curso incluíu os módulos de elaboracións básicas de panadería e bolería, elaboracións complementarias, decoración e envasado, seguridade e hixiene nun obrador, formación para a igualdade, inserción laboral, sensibilización ambiental e en igualdade de xénero e básico de prevención de riscos laborais. O curso, que conta con 10 alumnos, comezou o pasado 3 de novembro e rematará o 18 de maio, cunha duración total de 450 horas.
A representante do Goberno autonómico informou que neste curso 25-26 se están a impartir na provincia da Coruña 202 cursos por un importe de case 11,2 millóns de euros.
A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas formacións é mellorar as competencias profesionais das persoas beneficiarias, favorecendo a obtención total ou parcial de certificados profesionais con impacto directo na súa inserción laboral.
Nova convocatoria
Na visita a delegada informou que a Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento inicial de 40 millóns de euros —ampliable segundo as necesidades— co obxectivo de reforzar a empregabilidade e dar resposta ás demandas reais de talento do tecido empresarial galego. A medida enmárcase no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar o Goberno galego, baseado na flexibilización, a axilidade administrativa e unha maior conexión co mercado laboral.
Os cursos estarán dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento distribuirase en dúas anualidades: 30 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027, para accións formativas que poderán iniciarse este ano e prolongarse no seguinte. As entidades e centros de formación acreditados para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional poderán optar ás axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva e contemplan anticipos de ata o 60 %.
A convocatoria garantiza unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano. Entre as novidades, flexibilízanse os requisitos de acceso: as persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nunha de nivel superior sen ter que agardar pola expedición do certificado profesional anterior, unha opción que tamén se estende a quen estea pendente da homologación dun título estranxeiro.
As accións formativas abranguen os graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional, permitindo unha capacitación modular e adaptada ás necesidades de cada perfil. Así, inclúense microformacións de grao A, de entre 30 e 40 horas; formacións de grao B, de 200 a 300 horas; e programas de grao C, de 600 a 1.000 horas. Esta estrutura facilita itinerarios máis flexibles e unha incorporación máis áxil ao mercado laboral.
Co fin de garantir a conexión directa coa realidade produtiva, cada acción deberá acreditar unha demanda efectiva mínima do 30 % do alumnado, comprometida previamente polas entidades formativas. Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de xeito que polo menos o 25 % das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo. As oficinas de emprego continuarán desempeñando un papel clave na detección de necesidades por sectores e territorios.