- Un concello podería obter ata 180.000 euros de financiamento en caso de presentar tres proxectos e obter a máxima contía subvencionable
A Xunta de Galicia convoca unha orde de axudas que financiará con ata 60.000 euros proxectos municipais destinados a identificar e crear refuxios climáticos.
Trátase da segunda convocatoria das axudas dirixidas a apoiar os concellos na posta en marcha en espazos urbanos e periurbanos de intervencións baseadas na natureza e no aproveitamento dos seus recursos para prever e adaptarse ao cambio climático, que conta cun orzamento total de 1.660.000 €
O obxectivo é incrementar a biodiversidade deste tipo de zonas, mellorar a súa conservación, favorecer a adaptación ao cambio climático, mellorar a calidade ambiental e crear espazos máis saudables. E, por outra banda, colaborar cos concellos nas accións para localizar e habilitar refuxios climáticos que, como explicou a conselleira, son aqueles espazos con condicións ambientais favorables e cunha relativa estabilidade que os fan idóneos para combater as altas temperaturas.
En concreto esta axuda cubrirá o 80% dos custos dos proxectos presentados de forma individual por calquera concello cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por cada entidade local. Polo tanto, un concello podería obter ata 180.000 euros de financiamento en caso de presentar tres proxectos e obter a máxima contía subvencionable.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, que contará a partir das 12.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Este prazo rematará ás 20.00 horas do derradeiro día establecido para a achega das solicitudes.
As actuacións subvencionadas poderán executarse ata o 30 de novembro do vindeiro ano e xustificarse ata o 9 de decembro de 2026
Con esta liña de axudas, o Goberno galego consolida a súa aposta por converter os concellos en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, consolidando a Comunidade como refuxio climático.
Bases no DOG