Resolución do 4 de febreiro de 2026 pola que se convocan cursos titorizados en liña con aproveitamento activo e avaliación continua, para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel de iniciación.
Obxecto
Convocar os dous (2) plans de actividades formativas que se relacionan no anexo I desta convocatoria cos 7 cursos que compoñen o itinerario ComDix-Iniciación, que terán lugar na modalidade de teleformación titorizada en liña, con aproveitamento activo e avaliación continua.
As actividades formativas dos plans presentados nesta edición forman parte do itinerario ComDix-Iniciación e teñen validez para a obtención da certificación ComDix-Iniciación, unha vez completado o itinerario de 250 horas que conforma a dita certificación.
Destinatarios e requisitos técnicos
1. Poderán participar nestas actividades formativas as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes do remate do prazo de inscrición.
2. Para o correcto seguimento destas actividades, as persoas solicitantes deberán dispor e ter acceso a:
- a) Un ordenador con conexión á internet de banda larga.
- b) Un navegador actualizado (recoméndase Google Chrome).
- c) Acceso a unha conta de correo electrónico activa.
3. Con carácter previo á inscrición será necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que será imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
Solicitudes de participación e prazos de inscrición
1. As persoas solicitantes deberán inscribirse na páxina web da Rede CeMIT https://cemit.xunta.gal
2. As persoas que desexen participar nos cursos convocados deberán escoller un dos dous plans formativos A ou B, descritos no anexo I, sen opción de cambio.
3. A inscrición no Plan formativo A é incompatible coa inscrición en calquera dos cursos individuais incluídos no Plan formativo B.
As persoas que figuren inscritas nos dous plans ao remate do prazo de inscrición serán excluídas automaticamente de ambos os dous plans.
4. O prazo para a inscrición no Plan formativo A ou B será de dez (10) días naturais a partir do seguinte as da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Criterios de selección
- 1. Se existisen máis solicitudes que o número de prazas dispoñibles distribuiranse correlativamente entre as persoas solicitantes. A orde de asignación será o resultado dun sorteo público, que se realizará unha vez finalizado o prazo de inscrición.
- 2. Para elaborar a listaxe tomarase a data e a hora de rexistro no sistema e asignarase o número un (1) á primeira persoa solicitante e así sucesivamente ata a última rexistrada.
- 3. Realizarase un sorteo a través dunha aplicación informática que seleccionará aleatoriamente un único número de entre os que integran a lista de solicitantes do punto anterior. Este número corresponderá ao día, á hora e ao minuto concreto en que se realizou a inscrición.
- 4. As prazas adxudicaranse a partir da solicitude correspondente co número determinado no parágrafo anterior da lista previamente ordenada e continuarase, ata esgotar as prazas vacantes, para aquelas solicitudes ás cales correspondan os seguintes números segundo a orde ascendente da serie numérica.
- 5. Para os efectos do número anterior, no caso de finalizar a lista sen cubrir o número total de prazas dispoñibles, continuarase desde o seu comezo.
- 6. Os resultados do sorteo publicaranse na web da Rede CeMIT para a súa consulta pública (https://cemit.xunta.gal).
Publicación da listaxe de persoas admitidas e reservas
1. Unha vez que finalice o prazo de inscrición, e aplicados os criterios de selección que se recollen na base cuarta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como un número adecuado de reservas.
2. As persoas que resulten seleccionadas provisionalmente poderán comunicar a súa desistencia para participar na actividade formativa seleccionada nun prazo de dez (10) días naturais desde a publicación da listaxe provisional. Esta renuncia deberá comunicarse por correo electrónico ao enderezo titoria-cemit@xunta.gal
3. No caso de non rexeitala expresamente, entenderase que a persoa seleccionada acepta participar na actividade formativa para a cal foi admitida provisionalmente.
4. A Rede CeMIT publicará na súa web https://cemit.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada unha das actividades formativas, que incluirá a relación de persoas en reserva que finalmente obtiveron praza tras a renuncia daquelas seleccionadas provisionalmente. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun (1) mes desde a devandita publicación, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Todas estas actividades desenvolveranse na modalidade de teleformación titorizada, con aproveitamento activo e avaliación continua, a través da plataforma de teleformación da rede CeMIT.
1. Plan formativo A:
Curso completo para a obtención da certificación galega en competencias dixitais ComDix-Iniciación
Número de prazas: 150
Data de realización: dará comezo o 16 de marzo e rematará o 29 de xuño de 2026, como data límite.
Consiste nunha acción formativa pechada, composta por 7 bloques temáticos consecutivos, que deben cursarse na súa totalidade.
O alumnado terá acceso aos contidos de forma graduada segundo vaia finalizando os bloques temáticos.
Superado o programa completo de 250 horas lectivas, a persoa terá dereito a obter a certificación ComDix-Iniciación, segundo o recollido na base sétima, punto 3.
| Plan formativo A: Programa para a Certificación Galega en Competencias Dixitais ComDix-Iniciación |
| Bloque temático 0: Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais. |
| Bloque temático 1: Coñece a contorna dixital. |
| Bloque temático 2: Ten a información dixital sempre á man; buscar, seleccionar e gardar. |
| Bloque temático 3: Tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar. |
| Bloque temático 4: Participa na sociedade dixital; as vantaxes da administración electrónica. |
| Bloque temático 5: Crea contidos dixitais con ferramentas ofimáticas e multimedia. |
| Bloque temático 6: Atopa o benestar dixital; tecnoloxía con «sentidiño». |
2. Plan formativo B:
Cursos ComDix-Iniciación independentes.
Número de prazas: 60 por cada curso.
Está formado polos mesmos 7 bloques temáticos que compoñen o itinerario ComDix- Iniciación, pero convocados e cursados de maneira independente.
Nesta modalidade, as persoas interesadas poden inscribirse no curso ou cursos que desexen, sen limitación de número nin de seguir unha orde determinada.
Segundo o recollido na base sétima, punto 3, tras a superación de cada un destes cursos, a persoa recibirá un diploma de aproveitamento do curso superado no que se indican as horas lectivas que correspondan.
| Plan formativo B: Cursos ComDix-Iniciación independentes |
| Curso | Duración (horas) | Número de prazas | Datas realización |
| Empezamos | 10 | Sen límite (*) | Do 23 de marzo ao 29 de xuño |
| ComDix I: Coñece a contorna dixital | 30 | 60 | Do 23 de marzo ao 22 de abril |
| ComDix II: Ten a información dixital sempre a man | 30 | 60 | Do 23 de marzo ao 22 de abril |
| ComDix III: Tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar | 40 | 60 | Do 13 de abril ao 18 de maio |
| ComDix IV: Participa na sociedade dixital | 50 | 60 | Do 13 de abril ao 18 de maio |
| ComDix V: Crea contidos dixitais | 50 | 60 | Do 21 de maio ao 29 de xuño |
| ComDix VI: Atopa o benestar dixital | 40 | 60 | Do 21 de maio ao 29 de xuño |
(*) O curso de introdución «Empezamos» terá matrícula libre durante todo o período de vixencia desta convocatoria.