Ficha biblioteca

Nova A Xunta salienta que os concellos poden recibir ata 180.000 euros para impulsar solucións naturais coas que previr os riscos do cambio climático
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación19/02/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Medio ambiente, Desenvolvemento sostible Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosEntidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia, Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Ángeles Vázquez explica que se destinan 2 M€ a promover proxectos municipais co obxectivo de ofrecer solucións fronte aos riscos derivados do quecemento global, así como para identificar e crear espazos urbanos que actúen como refuxio climático
Detalles contido
A Xunta salienta que os concellos poden recibir ata 180.000 euros para impulsar solucións naturais coas que previr os riscos do cambio climático Ángeles Vázquez explica que se destinan 2 M€ a promover proxectos municipais co obxectivo de ofrecer solucións fronte aos riscos derivados do quecemento global, así como para identificar e crear espazos urbanos que actúen como refuxio climático
19/02/2026|Xunta de Galicia
  • A Xunta financiará ata o 80% do investimento, cun máximo de 60.000 euros por proxecto e cada concello pode presentar ata tres iniciativas
  • Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde as 12,00 h. do vindeiro 27 de febreiro ata o 27 de marzo ás 20,00 h.

 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor que os concellos galegos poden recibir ata 180.000 euros en axudas da Xunta para impulsar solucións naturais coas que previr os riscos derivados do quecemento global.

Segundo explicou ángeles Vázquez durante a súa visita a Castrelo de Miño, a Xunta destina este ano 2 millóns de euros a promover a execución de distintos proxectos municipais co obxectivo de ofrecer solucións fronte ao quecemento global, así como para identificar e crear espazos urbanos que actúen como refuxio climático tanto para a poboación como para a biodiversidade.

Así, tal e como indicou ángeles Vázquez,  Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde as 12,00 horas do vindeiro 27 de febreiro ata o 27 de marzo ás 20,00 horas.

 A conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, indicou que a Xunta financiará ata o 80% do investimento, cun máximo de 60.000 euros por proxecto. Cada concello pode presentar ata tres iniciativas, polo que quen presente tres accións e obteña a máxima contía posible, podería contar con ata 180.000 euros para desenvolver proxectos que incrementen a biodiversidade de áreas urbanas e periurbanas, melloren a súa conservación, favorezan a adaptación ao cambio climático e creen espazos máis saudables.

No que atinxe ás accións subvencionables, son aquelas intervencións en espazos públicos orientadas a atenuar o chamado efecto illa de calor ou a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes urbanas.

Neste grupo encaixarían, por exemplo, iniciativas de sombreado natural en rúas e prazas coa plantación de árbores, preferiblemente autóctonas; intervencións para reducir a impermeabilidade do solo e aumentar a drenaxe; a creación de microclimas co uso de láminas de auga; a implantación de xardíns verticais e cubertas verdes en infraestruturas públicas; a restauración de zonas húmidas ou a mellora da conexión entre medio urbano e periurbano mediante sendas.

Así mesmo, tamén se ofrecen recursos aos concellos para levar a cabo actuacións de identificación e de adecuación de refuxios climáticos, entendidos como espazos cunha relativa estabilidade e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.

Así, apoiarase os concellos para facer estudos técnicos que lles permitan localizar estas zonas nos seus territorios ou identificar corredores ecolóxicos que reforcen o papel natural dos refuxios. Tamén se subvencionarán obras concretas que axuden a cumprir esta función, incluídos traballos de restauración en zonas degradadas, pero con potencial para reter ou acoller a biodiversidade.

Esta é a segunda convocatoria que fai o Goberno galego deste tipo de apoios. Nese senso, ángeles Vázquez indicou que este ano o procedemento é máis sinxelo e flexible. En concreto, simplificáronse as tipoloxías de proxectos para reducir a burocracia e facilitar a tramitación; ampliáronse os prazos de execución e xustificación, e incorporáronse melloras prácticas derivadas da experiencia do pasado ano, como, por exemplo, a posibilidade de solicitar anticipos.

A conselleira puxo a actuación acometida polo Concello de Castrelo de Miño que hoxe visitou como un exemplo a seguir polo resto de municipios. Neste caso, a Xunta destinou 42.000 euros ao proxecto que converteu o que era unha superficie de herba con pouca sombra e un camiño deteriorado nun espazo máis naturalizado, con máis zonas de sombra grazas á plantación de árbores autóctonas, maior confort térmico e un uso máis ordenado e sostible. Segundo dixo ángeles Vázquez, transformouse nun espazo mellor para as persoas, máis verde, máis amable para as persoas e máis preparado para afrontar o cambio climático.

Para concluír, a conselleira animou os concellos a solicitar estas axudas porque Como administración máis próxima á cidadanía,  son un actor clave desde o punto de vista da acción climática xa que os seus esforzos e logros na escala local teñen efectos moi positivos tamén a nivel global.

Temas:Administración local, Medio ambiente, Desenvolvemento sostible
Colectivos:Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia, Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido