- ― A orde, que pode ser solicitada por concellos e entidades sen ánimo de lucro, reforza os criterios de calidade na prestación do servizo e volverá dar prioridade ás zonas territoriais con menor implantación de servizos de orientación laboral
- ― Con axudas de ata 33.000 € por profesional contratado, estes/as orientadores/as, xunto co persoal das oficinas de emprego, participan activamente no perfilado competencial con EMi, do cal xa se beneficiaron preto de 96.000 persoas desempregadas
- ― A medida enmárcase no proceso de potenciación do Servizo Público de Emprego, ao cal se consignan tamén 8 M€ en 2026 para avanzar na modernización da rede de oficinas e centros formativos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
- ― O ano pasado esta convocatoria permitiu apoiar 262 orientadores/as en máis de 80 concellos e en máis de 40 entidades sen ánimo de lucro, o que contribuíu a mellorar a inserción laboral en todo o territorio
O Consello da Xunta analizou hoxe o informe relativo á convocatoria de 2026 destinada a apoiar a contratación de orientadores e orientadoras laborais por parte dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro. A iniciativa, que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia, contará cun orzamento de 8,5 M€ e permitirá ofrecer acompañamento personalizado a máis de 118.000 persoas desempregadas, adaptando a atención ás necesidades reais de cada territorio.
Co obxectivo de reforzar a eficacia do servizo, a orde reforzará os criterios específicos de calidade que garantan unha atención máis enfocada a resultados. Ademais, manterase a aposta por unha distribución territorial equilibrada dos novos postos financiados, e priorizaranse aquelas zonas con menor implantación destes recursos para avanzar nunha mellor cobertura de orientación laboral no conxunto do territorio. Os contratos subvencionados terán unha duración dun ano e a contía das axudas increméntase ata os 33.000 euros por cada profesional incorporado a tempo completo
Esta medida —enmarcada no proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) impulsado pola Xunta— busca maximizar o impacto destes profesionais na mellora da empregabilidade, especialmente no rural e entre os colectivos con maiores dificultades de inserción. Na convocatoria do ano pasado, o Goberno galego apoiou a contratación de 262 orientadores e orientadoras en máis de 80 concellos das catro provincias e en máis de 40 entidades sociais. Cómpre salientar que estes profesionais, xunto cos arredor de 140 das 54 oficinas do SPEG, contribuíron a que máis de 155.000 persoas atopasen emprego nos seis meses posteriores a recibir orientación laboral ou participar nalgún programa do Servizo Público de Emprego.
Papel clave no perfilado competencial
Os orientadores e as orientadoras elaboran diagnósticos individualizados das persoas demandantes, achegan información actualizada sobre o mercado laboral e os incentivos dispoñibles, deseñan itinerarios personalizados de inserción, asesoran sobre a oferta de formación profesional e acompañan no proceso de recoñecemento de competencias adquiridas pola experiencia. O seu labor tradúcese nun apoio continuo, especializado e adaptado á realidade de cada persoa.
Ademais, desempeñan un papel activo no perfilado competencial das persoas demandantes de emprego a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, destinada a axustar en tempo real as demandas de man de obra ás capacidades das persoas rexistradas, do cal xa se beneficiaron preto de 96.000 persoas en Galicia. Forman parte dos máis de 400 profesionais implicados nesta tarefa estratéxica para casar con maior precisión a oferta e a demanda laboral e responder ao reto da cobertura de vacantes do tecido produtivo galego.
Modernización do Servizo Público de Emprego (SPEG)
O reforzo da rede de orientación laboral intégrase na renovación profunda do SPEG que a Xunta está a desenvolver para facelo máis accesible, dinámico e eficaz, consolidándoo como un verdadeiro nodo público de empregabilidade. Este proceso inclúe a actualización das infraestruturas, cun investimento de 8 M€ este ano destinados ás oficinas de emprego e aos centros formativos dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Ademais, en 2026 destinarase 1 M€ a seguir desenvolvendo a ferramenta EMi, incluíndo o lanzamento dunha aplicación móbil que lle permitirá á cidadanía realizar o seu propio perfilado competencial.
A estas actuacións súmanse o Programa de seguimento intensivo da demanda de emprego —que xa permitiu a inserción laboral de máis de 16.000 persoas—, a flexibilización da formación para o emprego e o pulo á coordinación entre os programas formativos autonómicos e os incentivos á contratación, concretamente a través do programa Galicia suma talento: emprégate, aberto ata o 30 de setembro.