- A conselleira salienta que as entidades locais poderán acceder, practicamente en tempo real, aos datos das cantidades recollidas por cada camión para coñecer a eficiencia das distintas rutas e adaptalas ás necesidades e hábitos da veciñanza
- Estes datos son especialmente importantes para os concellos con poboación dispersa, nos que o transporte dos refugallos supón un desembolso económico considerable e é fundamental optimizar os horarios, frecuencias e outras cuestións
- O proxecto Traza, un dos dous incluídos no plan, estará operativo a mediados deste ano e actuará como plataforma central de xestión ao integrar os datos dos residuos desde que entran nas instalacións de Sogama ata que saen convertidos en recursos
- A outra acción -Portal do cliente- arrancará en fase piloto a comezos de 2027 e será o medio de comunicación por excelencia cos municipios, incluíndo un servizo de Chatbot, baseado na intelixencia artificial, dispoñible as 24 horas do día e os sete días da semana para dar resposta inmediata ás súas necesidades de información
- Este plan permitirá ao Executivo galego e á empresa pública situarse á vangarda na transformación dixital aplicada ao sector medioambiental, facendo que Galicia se converta en todo un referente na xestión eficiente e innovadora do lixo
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, ángeles Vázquez, visitou hoxe a planta de transferencia que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) ten no concello coruñés de Curtis, onde destacou que a Xunta avanza cara a un modelo dixital na xestión dos residuos de orixe doméstica coa introdución de ferramentas, como a intelixencia artificial, que permitirán optimizar cuestións como a recollida por parte dos concellos e a súa contribución á reciclaxe.
Esa estratexia sostense no Plan de Transformación Dixital (R-Dixital) de Sogama, que conta cun investimento de algo máis de 2,8 millóns de euros e busca que tanto a empresa pública como os 304 concellos aos que dá servizo poidan mellorar a súa eficiencia e aforren custos, o que irá en beneficio do conxunto da cidadanía.
A responsable autonómica explicou que esta medida -enmarcada na planificación 2025-2030 da actividade da empresa pública e con financiamento europeo- é un paso máis na súa aposta pola sostibilidade. De feito, porá á disposición dos municipios, practicamente en tempo real, datos das cantidades de residuos recollidos por cada camión -tanto da bolsa amarela (envases de plástico, latas e bricks) como da negra (fracción resto) e da marrón (materia orgánica)- para coñecer a eficiencia das distintas rutas. Poderán así ter coñecemento das frecuencias de recollida necesarias, da súa aportación á reciclaxe e de comparativas con outros concellos da súa tipoloxía. Iso permitirá aos Gobernos locais facer axustes para obter os mellores resultados na prestación do servizo.
ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, remarcou que é unha cuestión especialmente importante nos concellos con poboación dispersa, nos que o transporte dos residuos supón un gasto considerable. Optimizar a recollida é fundamental para evitar que os camións vaian baleiros, axustar os horarios ou analizar outras cuestións co fin de dar a mellor resposta á veciñanza de cada zona.
O plan mellorará tamén a produtividade nas instalacións de Sogama ao reducir tarefas manuais repetitivas, alertar sobre situacións que levan a erros operativos e propiciará unha mellor coordinación. A maiores, permitirá centralizar os datos e visualizalos de xeito sinxelo, o que optimizará as relacións da empresa pública coas entidades locais, aportándolles información veraz e contrastada de gran utilidade na toma de decisións.
R-Dixital configúrase como un instrumento de utilidade para que os concellos fagan un seguimento da súa aportación á reciclaxe e do cumprimento dos obxectivos europeos na materia a través de dous proxectos -Traza e Portal do cliente- que se complementan e forman parte do mesmo esquema tecnolóxico.
Recompilación de datos
O primeiro deles actuará como plataforma central de xestión, integrando os datos dos residuos desde que entran nas instalacións de Sogama ata que saen convertidos en recursos. é dicir, recompilará a información de cada camión que chegue ás instalacións da empresa pública -o complexo ambiental de Cerceda, as plantas de compostaxe, de transferencia ou ferroviarias- para poñela despois a disposición dos concellos.
De feito, a implantación de Traza debe adaptarse ás particularidades das distintas infraestruturas que integran a rede industrial de Sogama: os servizos centrais, as catro plantas de compostaxe (unha por provincia), as 37 plantas de transferencia repartidas estratexicamente por todo o territorio galego así como as propias das tres estacións de ferrocarril (a lucense do Ceao, a viguesa de Guixar e a ourensá de San Cibrao das Viñas) desde as que transporta o 55% do lixo que trata no complexo ambiental de Cerceda.
Mentres, o Portal do cliente configúrase como o consumidor da información procedente de Traza e será o medio de comunicación por excelencia cos concellos. Terá carácter bidireccional e permitirá a consulta e xestión dos datos en liña en tempo real de forma estruturada e segura, así como o acceso a información como as cantidades de residuos entregadas a Sogama, a aportación á reciclaxe, comparativas con municipios da mesma tipoloxía ou o histórico de facturación, entre outros detalles.
A conselleira explicou que acceder a todos estes datos de xeito inmediato permitirá ás entidades locais verificar incidencias e resolvelas en prazo, ademais de xestionar mellor os tempos de recollida de lixo, optimizar rutas -en resposta aos datos recollidos polos camións- ou definir un reparto de contedores máis atinado de acordo cos niveis de produción de refugallos de cada zona, entre outras cuestións. Estes axustes contribuirán a adaptar o servizo, reducir custos e a facelo máis eficaz e eficiente.
Intelixencia artificial
En sintonía coas últimas innovacións, a través do Portal de cliente ofrecerase un servizo de Chatbot, dispoñible as 24 horas do día e os 7 días da semana, baseado na intelixencia artificial (IA). Esta ferramenta será capaz de manter unha conversa en tempo real posibilitando que os usuarios -os concellos- realicen consultas e obteñan ao momento os datos que precisan, eliminando así os tempos de espera.
Mediante o uso da IA tamén haberá a posibilidade de obter proxeccións a futuro da evolución na xeración de distintos tipos de residuos presentando escenarios probables e facilitando a anticipación aos cambios.
A previsión é que o proxecto Traza estea plenamente operativo a mediados deste ano e que o Portal do cliente, xa en fase piloto, sexa unha realidade a principios de 2027, unha vez completado o seu despregamento e capacitación.
Este plan permitirá á Xunta e a Sogama situarse á vangarda na transformación dixital aplicada ao sector medioambiental, facendo que Galicia se converta en todo un referente na xestión eficiente e innovadora dos refugallos.