- Os concellos de menos de 50.000 habitantes e as entidades locais menores poderán optar a un máximo de 15.000 euros en cadansúa orde de axudas
- Augas de Galicia convocará este ano un total de 8 ordes de axudas por preto de 9,3 millóns de euros, un 22% máis que en 2025, para mellorar o saneamento, o abastecemento e a protección dos ríos
A Xunta convoca hoxe no DOG de hoxe dúas ordes de axudas dirixidas ás administracións locais para apoialas no desenvolvemento destas diagnoses cun orzamento global de 700.000 euros. En concreto, 500.000 euros destínanse ás auditorías das redes de saneamento e os 200.000 restantes teñen como obxecto a análise dos sistemas de abastecemento.
En concreto, os concellos de menos de 50.000 habitantes e as entidades locais menores poderán optar a un máximo de 15.000 euros para analizar o funcionamento das redes de traída municipal para, a continuación, elaborar plans de actuación que minimicen as perdas de auga. Esa será tamén a contía máxima dos apoios para localizar posibles infiltracións de augas sen depurar.
Convocatoria e bases de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, destinadas ao financiamento de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de abastecemento que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.
Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento das auditorías de abastecemento para minimizar as perdas de auga, e convocar estas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento AU301C).
Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos mil euros (200.000,00 €), aplicación orzamentaria 06.82.542B.760.00.
O importe das subvencións será do 100 % do investimento subvencionable, co límite máximo de dez mil euros (10.000,00 €) por solicitude, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), ata esgotar o crédito previsto nesta resolución de convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 6 de marzo de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 31 de xullo de
2026.
Convocatoria e bases de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, destinadas ao financiamento de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de saneamento, que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.
Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e convocar estas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento AU301D).
Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de cincocentos mil euros (500.000,00 €), aplicación orzamentaria 06.82.542B.760.0.
O importe das subvencións será do 100 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000,00 €) por solicitude, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), ata esgotar o crédito previsto na presente resolución de convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 6 de marzo de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 7 de setembro de 2026.