- As solicitudes poderán presentarse a partir do venres 6 de marzo e o importe máximo da axuda será do 75% do custo total
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas da Xunta destinadas á financiación dos gastos que realicen os municipios máis pequenos na elaboración, revisión e implantación dos seus plans de acción municipal (PAM) para o risco de incendios forestais.
O Goberno galego inviste 330.000 euros na convocatoria destinada aos municipios cunha poboación inferior a 10.000 habitantes que, ademais, teñan a obriga de contar con PAM ante o risco de incendios forestais conforme se determina no Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais (Peifoga).
Segundo a orde subvencionaranse os gastos nos que incorran os concellos entre o 1 de xaneiro e o 1 de novembro de 2026 para a elaboración ou revisión do PAM para risco de incendios. En concreto, financiaranse os gastos relativos a servizos técnicos profesionais que respondan á elaboración ou revisión destes plans, incluíndo os custos de implantación. No caso de elaborar o plan con persoal propio do municipio as axudas cobren os custos do persoal na parte proporcional. O importe máximo financiado pola Xunta será do 75% do custo total xustificado.
As solicitudes poderán presentarse a partir do próximo venres 6 de marzo, de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).
Os municipios beneficiarios deberán elaborar o documento seguindo a Guía para elaborar o PAM para o risco de incendios forestais da Xunta, así como os criterios técnicos comúns que se indiquen na resolución de concesión da axuda a efectos de garantir a homoxeneización e integración da información no xeoportal de Protección Civil da Xunta. Ademais, terán que remitir o plan subvencionado á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para homologar por parte da Comisión Galega de Protección Civil, con carácter previo á súa aprobación no Pleno do Concello.