Ficha biblioteca

Nova A Xunta convoca 40 cursos de formación continua para persoal voluntario de Protección Civil
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación27/02/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Ensino e formación, Emerxencias e seguridade Tipo de contidoEventos, Cursos ColectivosEntidades locais, Empregados/as públicos/as OrganizaciónsXunta de Galicia, Vicepresidencia e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Organizacións e Institucións Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá as accións formativas, que suman un milleiro de prazas e se realizarán de xeito descentralizado en diversos concellos de toda Galicia
Detalles contido
A Xunta convoca 40 cursos de formación continua para persoal voluntario de Protección Civil A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá as accións formativas, que suman un milleiro de prazas e se realizarán de xeito descentralizado en diversos concellos de toda Galicia
27/02/2026|Xunta de Galicia

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 40 cursos de formación continua para persoal voluntario das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. O conxunto das accións formativas, impartidas pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), suma preto dun milleiro prazas e inclúe sesións presenciais e semipresenciais descentralizadas en diversos concellos galegos.

Os cursos semipresenciais ofrecerán formación en accidentes na estrada en Carballo, Quiroga e Triacastela; en prevención e loita contra incendios urbanos e forestais en Muros, Parada de Sil e Moaña; en organización e seguridade en eventos multitudinarios e probas deportivas e de motor no Pereiro de Aguiar; en coordinación de incendios en situación 2 en Barbadás; en busca de persoas desaparecidas en Esgos e Dozón; e en condución de vehículos todoterreo en Cerceda, Narón, Toén e A Estrada.

En canto á modalidade presencial, a formación centrarase na desfibrilación externa semiautomática, con cursos en Trazo, A Coruña, Betanzos, Padrón, O Vicedo, Vilalba, Quiroga, Ourense, Poio ou Mos; no manexo de motoserra, con cursos en Pontedeume, Entrimo e Arbo; ou no manexo de material de emerxencias, con cursos na Pobra de Trives e en Verín. As accións formativas tratarán tamén a prevención e actuación en incidencias en vehículos eléctricos e híbridos (en Santiago de Compostela, Bergondo, Celanova e Pontevedra),  a prevención e loita contra incendios urbanos e forestais (no Vicedo e en Triacastela), e a tripulación en embarcacións para preventivos acuáticos (en Baiona, Marín e Cambados).

As persoas interesadas en inscribirse nos cursos deben presentar a solicitude a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal). O prazo de inscrición estará aberto ata o 16 de marzo para os cursos que comezan antes do 30 de xuño e entre o 22 de xuño e o 31 de xullo para que os que se desenvolvan despois do 30 de xuño.

Outras formacións para voluntariado de Protección Civil

A convocatoria forma parte da programación formativa deseñada pola Academia Galega de Seguridade Pública para o presente ano 2026 e súmase a outras dúas iniciativas dirixidas ao persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil que se publicaron a semana pasada.

Por un lado, o curso básico de Protección Civil, necesario para ingresar nas agrupacións de voluntariado, desenvolverase nunha ducia de sedes. Con 415 prazas dispoñibles, ofrece un total de 32 horas de formación teórico-práctica que poderá facerse de xeito semipresencial ou presencial.

Por outro lado, a aprendizaxe das persoas voluntarias complétase cos cursos de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntariado de Protección Civil de Galicia. As accións formativas, que suman preto de 300 prazas, impartiranse entre abril e novembro e teñen carácter presencial, semipresencial ou en liña en función da temática elixida. Así, requírese por exemplo presencialidade na sede da Agasp para asistir ao curso de apoio psicolóxico e manexo do estrés en situacións críticas de emerxencia, mentres que o de socorro en accidentes na estrada é semipresencial e o do uso de Google Earth para dispositivos de emerxencia faise en liña. 

Así mesmo, a semana pasada publicáronse outras tres convocatorias de formación para persoal de socorrismo e de emerxencias, con máis de 950 prazas.

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade da cidadanía galega.

Temas:Administración local, Ensino e formación, Emerxencias e seguridade
Colectivos:Entidades locais, Empregados/as públicos/as
Organizacións:Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Organizacións e Institucións
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido