Ficha biblioteca

Nova A Xunta destaca o apoio aos GES cun investimento anual de 5,6 M€ e coa dotación de material
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación05/03/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Emerxencias e seguridade Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosEntidades locais, Empregados/as públicos/as OrganizaciónsXunta de Galicia, Organizacións e Institucións Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición O director xeral de Emerxencias e Interior reafirmou no Parlamento o compromiso do Goberno galego cos servizos de emerxencias locais e coa seguridade cidadá
Detalles contido
A Xunta destaca o apoio aos GES cun investimento anual de 5,6 M€ e coa dotación de material O director xeral de Emerxencias e Interior reafirmou no Parlamento o compromiso do Goberno galego cos servizos de emerxencias locais e coa seguridade cidadá
05/03/2026|Xunta de Galicia
  • A colaboración autonómica garante que os Grupos de Emerxencia Supramunicipais sigan prestando servizo público en materia de emerxencias, protección civil e prevención de incendios

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe no Parlamento a colaboración da Xunta no funcionamento dos máis de 30 Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) existentes en Galicia, dos que asume o 52,5% do financiamento anual, o que representa máis de 5,6 millóns de euros ao ano. A esta cifra engádenselle máis de 12 millóns de euros en material entregado desde 2013, así como o custo íntegro da formación do persoal na Academia Galega de Seguridade Pública.

Segundo sinalou, este investimento en material asumido polo Goberno galego permitiu que practicamente todos os GES conten actualmente, como mínimo, con vehículo autobomba, equipo de excarceración e furgón de servizos varios, sen prexuízo doutros equipamentos cedidos como equipos de comunicación, traxes de protección ou desfibriladores semiautomáticos. Para o director xeral, este esforzo económico e organizativo “evidencia o compromiso firme da Xunta coa seguridade cidadá e co apoio ás administracións locais”.

Nesta liña, apuntou que, segundo a Lei de emerxencias de Galicia, lles corresponde aos órganos de goberno provinciais garantir a prestación do servizo de protección civil e a xestión de emerxencias, incluídos os servizos contra incendios e salvamento, nos municipios que non conten con servizos propios.

Non obstante, incidiu en que a colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencias, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.

Ademais, realizan actuacións de prevención da avespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras, e interveñen en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poden actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

No caso da provincia de Lugo, á que se fixo referencia na pregunta parlamentaria, Santiago Villanueva indicou que, á marxe da capital, conta con seis parques de bombeiros profesionais e cinco grupos de emerxencia supramunicipais que se complementan coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. Incidiu tamén na vontade de diálogo do Goberno galego para escoitar as propostas de novos GES e na dispoñibilidade de seguir colaborando, tanto no que respecta aos gastos de funcionamento como á dotación de material e á formación do persoal.

Así, cómpre lembrar o importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios. Nesta liña, o investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 28 millóns de euros.

 

Temas:Administración local, Emerxencias e seguridade
Colectivos:Entidades locais, Empregados/as públicos/as
Organizacións:Xunta de Galicia, Organizacións e Institucións
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido