- A representante do Goberno autonómico Salientou que a prevención é unha tarefa compartida por administracións e propietarios, e debullou as novidades do acordo, como son o incremento de orzamento ata os 25 millóns anuais ou o reforzo de apoio aos municipios de menos de 10.000 habitantes
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo un encontro de trabalo cos alcaldes da provincia para informar do convenio de colaboración da Xunta, Seaga e os concellos para a xestión da biomasa en franxas secundarias, unha xuntanza na que tamén participaron a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo e o xefe de Servizo de Prevención de Incendios Forestais, Guillermo Aceval e un representante do Seaga, Oscar Pombo.
Neste encontro destacou que 76 concellos da provincia xa se sumaron ao novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga. Neste sentido, salientou que a prevención é unha tarefa compartida por administracións e propietarios. Así, debullou as importantes novidades que presenta este novo convenio con respecto aos anteriores acordos asinados nesta materia, como é o incremento do orzamento ata os 25 millóns de euros neste ano 2026, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns por anualidade. Neste senso, engadiu que este novo acordo, asinado ata 2029, ten como obxectivo apoiar a localidades e propietarios a poder cumprir coas súas obrigas normativas cun compromiso total de investimento de 100 millóns de euros.
Co fin de prestar un mellor servizo, optouse por reforzar o apoio aos municipios, especialmente a aqueles de menos de 10.000 habitantes, 73 na provincia da Coruña, e a particulares. Neste sentido, promoveranse de forma máis áxil as execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio forestal nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas.
Belén do Campo tamén lembrou que se segue a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias de ata 10 hectáreas -por concello e ano- fóra das parroquias priorizadas; así como a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Asimesmo, os particulares que estén en parroquias priorizadas terán a opción de contratar a Seaga.
Ademais, tamén a través de Seaga, os municipios adheridos poderán dispoñer de axuda para revisar, modificar ou elaborar o plan municipal de prevención e para realizar inspeccións e notificar aos titulares dos predios.
Belén do Campo rematou destacando que “a prevención é unha prioridade para o Goberno autonómico, tal e como demostran o orzamento para o ano 2026, que aumenta nun 50% ata chegar aos 75,38 millóns de euros”. Con este investimento lévanse a cabo traballos como a limpeza e a creación de corta lumes, pistas forestais, puntos de auga ou a realización de queimas prescritas.