- Medio Rural e a Deputación ourensá veñen xa traballando con anterioridade nesta mesma materia, cun protocolo para apoiar a catro mancomunidades da provincia, as do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín
A Xunta segue traballando para ampliar e mellorar a colaboración institucional en materia de loita contra incendios forestais con outras administracións e, nomeadamente, cos concellos e as entidades supramunicipais que os representan. Con este obxectivo, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo esta mañá cadansúa xuntanza cos alcaldes da Mancomunidade de concellos Santa águeda (que reúne os de Amoeiro, Coles, A Peroxa e Vilamarín) e cos rexedores municipais da comarca da Baixa Limia (que agrupa os concellos de Entrimo, Bande, Lobios, Lobeira e Muíños).
En ambas reunións, celebradas na sede da Delegación territorial da Xunta en Ourense, avaliáronse diferentes posibles vías de cooperación futura relacionadas coa prevención e defensa fronte ao lume. Neste sentido, cabe recordar que Medio Rural e a Deputación provincial de Ourense veñen apoiando xa a catro mancomunidades, as do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín, con esta finalidade, ao abeiro dun protocolo que, entre outras actuacións, propiciou a entrega recentemente a estas entidades dunha ducia de novos tractores con rozadoira para labores de prevención e extinción.
No marco deste acordo, ademais de entregar estes tractores, creáronse 16 brigadas que traballaron durante seis meses, entre abril e outubro, nestas catro mancomunidades, ás que tamén se lles outorgou cadansúa máquina hidrostática polivalente. A maiores, ofreceuse formación para o persoal das brigadas no Centro de Loita contra o Lume de Toén, dependente de Medio Rural.
Mancomunidade Voluntaria de municipios de Ourense
Cómpre engadir que o mes pasado a propia conselleira mantivo tamén un encontro, coa mesma finalidade de progresar en liñas de cooperación conxunta, con integrantes da Mancomunidade Voluntaria de municipios da Comarca de Ourense. Deste ente forman parte os concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.
No terreo da colaboración interadministrativa fronte aos incendios, hai que sinalar, así mesmo, o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias -as máis próximas ás vivendas-, asinado en decembro pasado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga para facilitar as tarefas preventivas a municipios e particulares. Xa solicitaron a súa adhesión un total de 238 concellos.
O convenio, ao que se poden sumar todos os municipios que o desexen, está dotado con 25 millóns de euros, enmarcados nos 75,38 millóns destinados neste 2026 pola Xunta de Galicia á prevención dos incendios forestais, o que supón un 50% de fondos máis que o ano pasado.