- ― Entre as medidas previstas ao abeiro dos convenios da Xunta con Ecoembes e Ecovidro está tamén a recollida porta a porta para a hostalaría, a dotación de contedores para zonas estreitas e sistemas temporais para almacenar refugallos
- ― Ponse o foco na consecución dunha maior equidade territorial valorando cuestións como a dispersión xeográfica, a dificultade loxística e a variabilidade da poboación dos municipios (censada, estacional e turística), con especial apoio aos rurais
A recollida separada de envases de orixe doméstica refórzase este ano en Galicia coa planificación de distintas accións adaptadas ás singularidades dos concellos, especialmente dos rurais, e un investimento de máis de 6,2 millóns de euros.
O Consello analizou hoxe un informe que detalla as actuacións previstas en 2026 co fin de mellorar os resultados neste eido e na reciclaxe ao abeiro dos convenios asinados recentemente cos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (SRAP) Ecoembes e Ecovidro. O fin último é dar unha resposta integral e territorializada para mellorar a recollida separada e a eficiencia dos servizos municipais.
A estratexia caracterízase pola proximidade ao territorio, a atención ás necesidades específicas dos concellos -urbanos, rurais, con centros históricos ou actividade turística intensa- e a aposta por intervencións de alto impacto social e operativo. Nesta liña, intensifícanse as accións nas instalacións municipais de xestión de residuos, o apoio aos lugares en que se xeran grandes cantidades de envases -como mercados, hostalaría ou eventos deportivos e culturais-, a incorporación de solucións máis modernas e sinxelas e unha coordinación máis fluída entre administracións.
As liñas de actuación que se van desenvolver ao abeiro do convenio asinado pola Xunta con Ecoembes supoñen un investimento de máis de 5,2 millóns de euros e teñen como obxectivo modernizar o servizo, reducir impropios, mellorar a eficiencia municipal na recollida e asegurar a correcta separación nun sistema máis complexo debido á variedade de materiais e á diversidade das realidades locais.
De feito, ponse o foco na consecución dunha maior equidade territorial valorando cuestións como a dispersión xeográfica, a dificultade loxística e a variabilidade da poboación dos municipios (censada, estacional e turística), con especial apoio aos rurais.
Entre as accións previstas para optimizar o servizo está a renovación, mellora e adaptación dos contedores, incluíndo sistemas que axudan a evitar que se depositen residuos que non corresponden -mellorando así a calidade da separación-, garantindo unha dotación axeitada adaptada ás necesidades reais de cada concello.
A maiores, reforzaranse as actuacións nos sectores e espazos que concentran grandes volumes de envases, como hostalaría, eventos -deportivos e culturais-, zonas turísticas, portos, praias ou mesmo o Camiño de Santiago, integrando así a recollida en contextos que tradicionalmente quedaban fóra do circuíto habitual.
Entre as medidas previstas están tamén a realización de campañas de sensibilización adaptadas ao modelo de servizo de cada municipio -especialmente relevantes nos concellos con recente implantación do contedor de residuos de envases lixeiros-, a realización de estudos técnicos, a formación dos distintos perfís profesionais involucrados no sistema -operarios municipais, policía local, técnicos e sectores económicos- ou o desenvolvemento de proxectos transformadores como pilotos de recollida porta a porta de papel-cartón e ensaios de sistemas de identificación de usuario co fin de avanzar na responsabilidade individualizada na separación.
Vidro
Mentres, as liñas de actuación do convenio asinado polo Executivo galego con Ecovidro supoñen un investimento de 1.050.000 euros e busca adaptar as solucións á realidade urbana, hostaleira, histórica e rural, garantindo a dispoñibilidade de ferramentas eficaces para avanzar nos obxectivos de reciclaxe.
Nesta liña, intensificarase a acción nos núcleos urbanos -centrada nos barrios con maior xeración de vidro- e un servizo adaptado ao sector hostaleiro, articulado a través de servizos de recollida directa nos puntos de xeración -porta a porta-, a dotación de contedores adaptados ao uso profesional e actividades formativas que acompañan o sector na mellora da separación.
A maiores, incorporaranse novos puntos de recollida e implantaranse solucións innovadoras en contornas singulares, como a recollida directa en zonas estreitas ou con limitacións, minipuntos de depósito en centros históricos e sistemas que permitan gardar temporalmente os refugallos ata a súa recollida.
Por último, entre outras accións, desenvolveranse campañas de comunicación de amplo alcance e accións asociadas a eventos de grande afluencia -deportivos ou culturais, como concertos- e ao Camiño de Santiago, pois reforzan o cambio de comportamento necesario para incrementar as taxas de reciclaxe.
Estas medidas de mellora do servizo para avanzar na recollida separada destes residuos de orixe doméstica -envases lixeiros, papel-cartón e vidro- enmárcanse nuns convenios cos SRAP Ecoembes e Ecovidro que tamén supoñen ingresos para as arcas municipais, pois retribúen o traballo que realizan as entidades locais na xestión e recollida deses refugallos e a súa contribución á reciclaxe.