Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar o contido ofrecido.
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución pola que se publican as listaxes de persoas que se incorporan ás bolsas autonómicas galegas existentes para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. As bolsas amplíanse así en 22 persoas na subescala de secretaría-intervención; catro persoas na subescala de secretaría, categoría de entrada, e dúas persoas na subescala de intervención-tesourería, categoría de entrada.
Trátase de persoas candidatas ás probas selectivas das ofertas de emprego público de 2023 e 2024 que solicitaron a súa inclusión nas listas de interinos autonómicas galegas. Así, a listaxe que as integra foi remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública no marco da Orde TFP/297/2019 do anterior Ministerio de Política Territorial e Función Pública, que estableceu o procedemento para a elaboración de relacións de candidatos que aproben algún exercicio das probas selectivas para o ingreso nas distintas subescalas de habilitación nacional e a súa remisión ás comunidades autónomas para a súa integración nas súas listas de interinos.
A Xunta creou en 2017 estas bolsas autonómicas de interinos para facilitarlles ás entidades locais galegas a posibilidade de cubrir de forma inmediata os postos de traballo de habilitación nacional. Ademais, evítaselles ter que efectuar os procesos selectivos de xeito individual e os gastos que implican.