Ficha biblioteca

Nova A Xunta crea a Rede de concellos Bandeira Verde co obxecto de fomentar a cooperación local e o impulso de boas prácticas en materia ambiental
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación14/04/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Medio ambiente, Concienciación e sensibilización, Desenvolvemento sostible Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosCidadáns/ás, Entidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Nos próximos días convocarase a sétima edición do galardón Bandeira Verde de Galicia, que inclúe a posta en marcha deste novo órgano que busca ter un efecto sinérxico e crear un marco para o intercambio de experiencias a nivel municipal
Detalles contido
A Xunta crea a Rede de concellos Bandeira Verde co obxecto de fomentar a cooperación local e o impulso de boas prácticas en materia ambiental Nos próximos días convocarase a sétima edición do galardón Bandeira Verde de Galicia, que inclúe a posta en marcha deste novo órgano que busca ter un efecto sinérxico e crear un marco para o intercambio de experiencias a nivel municipal
14/04/2026|Xunta de Galicia
  • Trátase dunha iniciativa que nace co fin de aumentar o recoñecemento do distintivo creado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en 2020, así como difundir o compromiso ambiental dos concellos e ofrecer apoio técnico e outras vantaxes aos seus membros
  • Entre as novidades da nova convocatoria destaca a simplificación dos requisitos exixidos e dos criterios de avaliación por parte do xurado para garantir unha valoración máis obxectiva e áxil
  • A consolidación da Bandeira Verde como un galardón cada vez máis apreciado entre o municipalismo galego confírmase co feito de ter pasado de apenas dous concellos premiados na primeira edición a máis de 30 o ano pasado

O Consello da Xunta foi informado hoxe da creación da Rede de concellos Bandeira Verde de Galicia, un instrumento de coordinación e cooperación a nivel local que canalizará o intercambio de experiencias e coñecemento en materia ambiental e servirá para incentivar o impulso de boas prácticas tanto entre os seus membros como noutros municipios que tomen as súas accións como referencia. 

Esta nova figura será unha das novidades incluídas na próxima convocatoria do galardón Bandeira Verde de Galicia, que este ano cumpre a súa sétima edición e foi creado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en recoñecemento ao esforzo e ao traballo daqueles concellos que demostran un compromiso especial e activo coa protección da paisaxe e o ambiente.

Co obxectivo de dar un paso máis na consolidación deste distintivo, a orde deste ano crea a Rede de concellos Bandeira Verde de Galicia como espazo estable de encontro e intercambio de sinerxías. Os obxectivos xerais deste instrumento, que se concretarán cando se constitúa formalmente, son aumentar o recoñecemento e prestixio do distintivo Bandeira Verde, difundir o compromiso ambiental dos concellos, ofrecer apoio técnico e outras vantaxes aos seus membros, así como servir de referente e estímulo para que outras entidades locais aposten polas políticas ambientais.

A previsión é que nos próximos días se publique no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da Bandeira Verde de Galicia 2026, aberta á participación de todos os concellos e que fixará como prazo límite para a presentación de candidaturas o próximo 29 de maio.

As entidades locais interesadas en optar a este recoñecemento, ademais de destacaren as boas prácticas ambientais levadas a cabo en xeral nos seus municipios, poderán acreditar como méritos actuacións realizadas en seis eidos concretos: urbanismo e planificación inclusiva, patrimonio e mobilidade; protección, xestión e ordenación da paisaxe; cambio climático e sostibilidade ambiental; patrimonio natural e infraestrutura verde; xestión de auga e de residuos, e educación ambiental, participación cidadá e gobernanza.

Entre as novidades desta convocatoria da Bandeira Verde de Galicia cómpre subliñar que, por un lado, se simplifican os requisitos exixidos e a documentación que terán que presentar os concellos para acreditaren o seu compromiso coa protección da contorna e as boas prácticas ambientais e por outro, redúcense os criterios de avaliación por parte do xurado para garantir unha valoración dos méritos máis obxectiva e áxil.

Ao igual que en anos anteriores, dispoñer deste distintivo suporá tamén para as entidades locais un mérito adicional para os efectos de obter algunha das subvencións que convoca cada ano a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para financiar actuacións en materia de residuos de competencia municipal ou iniciativas relacionadas coa protección e o coidado do patrimonio natural.

A modo de exemplo, os concellos que acrediten ter a Bandeira Verde no momento en que soliciten axudas para construír ou mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de reciclaxe nos seus municipios, entre outras, recibirán unha puntuación adicional cando se valore o seu expediente.

Ademais das vantaxes no acceso a certas subvencións, os concellos galardoados poderán utilizar e lucir a bandeira durante un ano como símbolo e recoñecemento expreso ao seu compromiso ambiental. De feito, a Consellería traballa nestes momentos precisamente na actualización da imaxe de marca deste distintivo co fin de reforzar a súa identidade e adaptalo a outras accións susceptibles de ser destacadas por parte dos concellos.

Iniciativa enmarcada na Lei de protección da paisaxe

Cómpre subliñar que esta iniciativa, posta en marcha en 2020, vai na liña dos principios inspiradores da Lei de protección da paisaxe de Galicia e enmárcase ademais na aposta decidida do Goberno galego polo fermosismo. O obxectivo principal do Instituto de Estudos do Territorio, organismo responsable da creación e xestión do distintivo, é recoñecer o traballo daquelas entidades locais que no marco das súas competencias destaquen polas súas boas prácticas ambientais e a prol da conservación da paisaxe.

De feito, a Lei de protección da paisaxe establece que a Xunta impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencias no territorio, especialmente coas locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos seus fins.

Neste sentido, a de 2026 é a sétima convocatoria consecutiva que se fai da Bandeira Verde de Galicia, un galardón que ademais do xa sinalado aspira a servir tamén de correa de transmisión entre o traballo das administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado das súas contornas, incidindo en que tanto concellos como cidadáns deben estar comprometidos na preservación dos elementos naturais e paisaxísticos que os rodean.

Tras varios anos de traxectoria, a evolución tanto no número de candidaturas como de distintivos outorgados confirman a consolidación da Bandeira Verde de Galicia como un galardón cada vez máis apreciado entre o municipalismo. De feito, cómpre lembrar que se pasou de apenas dous concellos premiados na primeira edición de 2020 (O Porto do Son e Moaña) a un total de 33 no marco da convocatoria do ano pasado.

Precisamente, esa consolidación do distintivo e das vantaxes que supón para os concellos ser recoñecidos polo seu compromiso medioambiental aconsellaban dar un paso máis e avanzar cara a un modelo que permita consolidar e mesmo amplificar o seu impacto no territorio a través dun instrumento estable e de coordinación como a nova Rede de concellos Bandeira Verde de Galicia.

 

Temas:Administración local, Medio ambiente, Concienciación e sensibilización, Desenvolvemento sostible
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido