Un total de 292 concellos galegos teñen solicitada, a día de hoxe, a súa adhesión ao convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga. Isto supón, polo tanto, que máis do 93 % dos municipios da nosa comunidade realizaron este trámite e superan xa os que estaban adheridos ao anterior acordo. As entidades locais tiveron de prazo ata o pasado día 31 de marzo para remitir á Xunta o plan de traballo coas actuacións solicitadas nos seus territorios de cara a facilitar a previsión de accións neste 2026. Así se puxo en valor na reunión desta tarde da comisión de seguimento do convenio, que estivo presidida polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco.
O principal obxectivo desta iniciativa do Goberno galego, posta en marcha xa desde 2018, é apoiar os propietarios e os concellos no cumprimento das súas obrigas en relación coa prevención e defensa fronte o lume nas faixas próximas ás vivendas, é dicir, naquelas de 50 metros que rodean os núcleos de poboación. O actual acordo, con vixencia ata 2029 e un orzamento anual de 25 millóns de euros (o dobre que no anterior), asinouse o pasado 15 de decembro de 2025.
Incremento do orzamento e outras novidades
O notable incremento da súa dotación é unha das novidades máis importantes do novo convenio, que inclúe ademais un reforzo ao apoio que se presta aos concellos, en especial a aqueles de menos de 10.000 habitantes, así como aos particulares. Ademais, promóvese a realización, de xeito áxil, das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas legais.
Na mesma liña, increméntase o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276. As priorizadas son aquelas parroquias nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga directamente para realizar as rozas preventivas por un importe de 420 euros por hectárea. A maiores, hai que lembrar que se continúa a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano -fóra desas parroquias catalogadas como priorizadas- e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se está ampliando o subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas desas parcelas.
Así mesmo, a través de Seaga os concellos adheridos terán á súa disposición axuda para a revisión ou modificación do plan municipal de prevención; e tamén apoio para realizar as inspeccións e notificacións aos titulares das fincas.
A reunión de hoxe da comisión de seguimento centrouse en avaliar as últimas solicitudes de adhesión recibidas e outras vinculadas ao desenvolvemento do convenio, así como tamén na análise e planificación das actuacións ao seu abeiro. Neste sentido, cabe mencionar que xa está en marcha a contratación dos primeiros lotes de traballo ao abeiro deste novo convenio. Trátase de 12 lotes por un importe de 6 millóns de euros, IVE incluído, que permiten actuar, no conxunto de Galicia, en preto de 1.900 hectáreas, chegando a máis de 37.000 parcelas, naqueles concellos que se sumen ao acordo.