- Corgos incide en que o CECIGA vai ser clave no fortalecemento da ciberseguridade na Administración pública, nas empresas e para a cidadanía
- Apoiará a innovación no sector produtivo e impulsará o desenvolvemento de talento especializado
- Allegue explicou que as obras deste edificio se atopan ao 40% da súa execución total e o seu remate se prevé para despois do verán
- Sinalou que o centro, cunha execución complexa polas súas peculiaridades, “non é un edificio administrativo convencional, pois ten unha arquitectura singular que busca eficacia operativa, seguridade e boa relación coa contorna”
A Xunta sitúa o futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) como clave para converter Galicia nun territorio de vangarda das novas tecnoloxías e un espazo para o encontro e apoio de iniciativas de ciberseguridade, para a especialización e para a colaboración coas deputacións provinciais e entidades locais, coas universidades e centros tecnolóxicos e de innovación, e co tecido empresarial do sector.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron as obras do centro en San Cibrao das Viñas (Ourense), onde Miguel Corgos subliñou que a ciberseguridade é un elemento “central e estratéxico do proceso de transformación tecnolóxica que temos en marcha en Galicia”.
Colaboración público-privada e especialización
Corgos asegurou que o CECIGA vai ser clave no fortalecemento da ciberseguridade na Administración pública, nas empresas e para a cidadanía. Pero ademais vai apoiar a innovación no sector produtivo e impulsar o desenvolvemento do talento especializado nesta materia. Por iso o centro se deseñou cunha dobre perspectiva, a da colaboración público-privada e a da especialización.
Para a especialización contará con dous laboratorios, un para produtos con elementos dixitais e outro para a protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais.
O novo centro de San Cibrao das Viñas vai ser clave na estratexia global de consolidar Galicia como unha rexión de vangarda das novas tecnoloxías. “Somos xa referente na intelixencia artificial”, lembrou o conselleiro de Facenda, “ao ser a primeira rexión de Europa en aprobar unha Lei para a Supervisión da Intelixencia Artificial e contar coa sede da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA)”. Coa construción do CECIGA, concluíu Miguel Corgos, “queremos que Galicia sexa tamén unha referencia na ciberseguridade”.
Edificio cunha arquitectura singular
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou que as obras deste edificio se atopan ao 40% da súa execución total e o seu remate, segundo estiman os técnicos, se prevé para despois do verán.
Indicou que este centro, que conta cun orzamento de 6M€, procedente de Fondos Europeos, se caracteriza polas súas peculiaridades e complexidade na execución, o que supuxo o retraso da súa finalización. Trátase dunha estrutura ultralixeira que é desmontable e consta dunha envolvente lixeira e vidriada.
Destacou que este “non é un edificio administrativo convencional, pois ten unha arquitectura singular que busca eficacia operativa, seguridade, flexibilidade dos espazos e unha boa relación coa contorna”.
O complexo consta de 4 bloques arredor dun espazo central de acceso e circulación, o que permite acoller un programa mixto, é dicir, con capacidade para levar a cabo operacións de ciberseguridade, dispoñer de laboratorios e espazos para formación ou reunións.