- A liña de axudas, dotada con 1,5M€, sufragará os gastos da contratación de persoal de socorrismo durante a tempada estival
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para financiar a contratación de socorristas por parte dos concellos co obxectivo de garantir a seguridade nas praias, piscinas ou outras instalacións acuáticas descubertas durante os meses de verán. A Xunta destina 1,5 millóns de euros a 186 concellos ou mancomunidades beneficiarios.
Trátase de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia.
Por provincias, A Coruña e Pontevedra, con maior número de zonas de baño, reciben as maiores contías de axudas: 530.000 e 372.500 euros, distribuídos entre 56 e 35 concellos, respectivamente. Séguenlles Lugo, con preto de 298.000 euros para 41 concellos, e Ourense, con 300.000 euros destinados a 54 concellos.
As axudas destinaranse a financiar tanto ao persoal propio da entidade local como ás persoas que o concello contrate para estas tarefas a través dunha empresa externa mediante un contrato de servizos que, neste segundo suposto, deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas. En ambos casos, as persoas destinadas á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento deberán estar inscritas, antes do período subvencionable, no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia. Actualmente constan inscritos neste rexistro máis de 4.800 profesionais.
Na concesión das achegas tivéronse en conta criterios como o número de zonas de baño inscritas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, a adhesión ao Plan específico de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) en 2025, a poboación total da entidade local segundo o padrón municipal publicado no Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de bandeiras azuis concedidas ás praias da entidade local en 2025 ou contar con declaración de municipio turístico galego.
Así, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, a Xunta contribúe a fomentar a prestación deste servizo non só con estas axudas para a contratación, senón tamén coa oferta de cursos de formación para incrementar o número de profesionais na nosa comunidade. A maiores, o Goberno galego conta con outras medidas para garantir a seguridade nos municipios máis turísticos como é o caso das subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local.