- As inscricións poden realizarse desde este luns 4 de maio, ata o mércores 13
- Esta certificación acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías dixitais no eido persoal, social e profesional
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá luns, 4 de maio, o período de inscrición para que 1.259 persoas poidan obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel Iniciación. As probas faranse en 46 localidades con aula CeMIT.
Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social e profesional.
As probas realizaranse os días 17, 18 e 19 de xuño, repartidas en 98 quendas que abarcan diferentes horarios de mañá (ás 10 e ás 12 horas) e de tarde (16,30 horas) para poder así facilitar a asistencia das persoas interesadas.
Os lugares e datas concretas cos seus horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como a información sobre a tramitación e inscrición neste proceso.
Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo, no caso de que existan prazas vacantes abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nos listados de espera.
Contidos online e avaliación
Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de Competencias Dixitais.
Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.
Novas convocatorias neste ano 2026
Durante o segundo semestre deste ano, está previsto publicar no Diario Oficial de Galicia novas convocatorias para obter a certificación de competencias dixitais (ComDix).
A previsión é convocar o ComDix no seu nivel Intermedio a mediados do mes de outubro e, no seu nivel Iniciación, a primeira semana de decembro. As datas exactas, xunto coas bases da convocatorias, está previsto publicalas a primeiros do mes de setembro.