- Sinalou que esta convocatoria lanzada en xaneiro permitiu conceder 43 axudas na provincia de Pontevedra, 86 en Lugo, 45 na Coruña e 30 en Ourense
- Explicou que as axudas, de ata 30.000€, se dirixen a obras de rehabilitación, terminación ou ampliación de vivenda habitual ou destinada a alugueiro accesible
- Puxo en valor estas achegas, pois ademais de favorecer o acceso á vivenda, contribúen a revitalizar os municipios de menor poboación e a asentar poboación
A Xunta concede 204 axudas para realizar obras de rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por preto de 5M€ e esgota o crédito.
Así o salientou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitou hoxe un fogar en Fornelos de Montes, que será rehabilitado mediante esta liña de axudas.
Detallou que neste concello pontevedrés se concederon 3 axudas e as restantes achegas se outorgaron en 94 municipios de toda a comunidade.
Sinalou que esta convocatoria lanzada en xaneiro permitiu conceder 43 axudas na provincia de Pontevedra, 86 en Lugo, 45 na Coruña e 30 en Ourense.
Explicou que estas achegas teñen como obxectivo o apoio para acometer obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas en municipios de menos de 5.000 habitantes. Cabe precisar que estas subvencións van dirixidas a vivenda habitual ou inmobles destinados a alugueiro accesible.
Con estas achegas, de ata 30.000€ por vivenda, os beneficiarios poden financiar obras de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade ou eficiencia enerxética.
A conselleira citou como exemplo o caso dos beneficiarios hoxe visitados, que coa axuda concedida sufragarán traballos como a instalación da cociña, a carpintería interior ou a substitución do sistema de calefacción mediante aerotermia.
Puxo en valor estas liñas de axudas autonómicas, pois ademais de favorecer o acceso da cidadanía á vivenda, contribúen a revitalizar os municipios de menor poboación e axudan a asentar poboación no rural.