- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, tendo como prazo de presentación máximo un mes contado a partir de mañá
A Axencia de Turismo de Galicia ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.
Estas axudas teñen como obxectivo potenciar as festas galegas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística. Ademais, engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais.
Estas subvencións, dotadas dun crédito de 500.000€, teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, destacando que unicamente será subvencionable un evento por Concello solicitante. Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional.
As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 4.000,00 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 4.000,00 euros, a contía da axuda será como máximo o importe destes.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2026 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvenciones as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios en que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
- 1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
- 2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
- 3. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e iniciarase ás 12.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un (1) mes desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.