- O Goberno galego lembra que o texto é froito dun proceso participativo e, unha vez avaliadas as aportacións de todas as entidades, será aprobado polo Consello da Xunta e remitido ao Parlamento de Galicia para continuar coa súa tramitación parlamentaria, onde poderá seguir enriquecéndose
- A futura norma recolle as demandas do municipalismo co obxectivo de ofrecer solucións innovadoras aos retos das entidades locais no século XXI
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Aministración Local, Natalia Prieto, reuniuse hoxe con representantes da Deputación provincial da Coruña para avaliar as súas propostas ao anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia.
Desta forma, a Xunta avanza no proceso de diálogo e escoita para enriquecer o texto co que se pretende actualizar o marco normativo da administración local galega tras preto de tres décadas de vixencia da actual regulación, dando así resposta ás demandas do municipalismo con solucións innovadoras aos retos do SXXI das entidades locais.
Durante a actual tramitación, a Xunta mantén un continuo diálogo para poder integrar todas as achegan que teñan espírito construtivo e acadar deste xeito un texto o máis consensuado posible. Así, esta reunión súmase ás xa celebradas coas deputacións provinciais de Lugo e de Ourense e ao encontro con representantes dos Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (Cosital) de Coruña-Pontevedra, de Ourense e de Lugo.
Cómpre engadir que, unha vez avaliadas todas as achegas presentadas por distintas entidades, o texto será aprobado polo Consello da Xunta como proxecto de lei e remitido ao Parlamento de Galicia para continuar coa súa tramitación parlamentaria, onde poderá seguir enriquecéndose.
O anteproxecto da nova lei é froito dun proceso participativo e dun intenso traballo de análise da realidade do eido local que recolle a maioría das demandas trasladadas polo municipalismo. Como resultado, preténdese ofrecer ás entidades locais unha lei pioneira coa que Galicia será referente estatal.
Entre as súas novidades, no que se refire ao papel das deputacións provinciais, reforza a súa función como pezas fundamentais do mapa local galego, especialmente no apoio aos concellos máis pequenos e con menos recursos para garantir a adecuada prestación dos servizos públicos. Tamén busca avanzar nunha maior coordinación e homoxeneidade na actuación dos entes provinciais en todo o territorio.
Ademais, a futura lei recolle medidas para modernizar a organización e o funcionamento das entidades locais, impulsar a administración dixital e a cooperación intermunicipal, así como establecer un tratamento específico para os concellos en situación de reto demográfico. Apóstase tamén polas fusións voluntarias de concellos e por outras fórmulas de colaboración como as mancomunidades e as áreas funcionais de carácter temporal. Por último, reforza a suficiencia financeira dos concellos a través dun novo sistema de participación nos tributos autonómicos.