Ficha biblioteca

Nova A Xunta avanza na dixitalización da xestión da auga cun investimento de preto de 5 millóns de euros para facer máis eficientes e sostibles os servizos municipais
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación03/06/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración dixital, Administración local Tipo de contidoNovas ColectivosEntidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia, Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición Ángeles Vázquez indica que o Plan de dixitalización impulsado por Augas de Galicia beneficia a arredor de 150.000 galegos, que dispoñen dunha subministración máis fiable e unha xestión máis eficaz deste recurso
Detalles contido
A Xunta avanza na dixitalización da xestión da auga cun investimento de preto de 5 millóns de euros para facer máis eficientes e sostibles os servizos municipais Ángeles Vázquez indica que o Plan de dixitalización impulsado por Augas de Galicia beneficia a arredor de 150.000 galegos, que dispoñen dunha subministración máis fiable e unha xestión máis eficaz deste recurso
03/06/2026|Xunta de Galicia
  • Instaláronse 239 estacións de monitorización que, xunto ás plataformas de xestión da información, permiten procesar ata 4,8 millóns de datos ao mes e xestionar arredor de 160.000 rexistros diarios para mellorar o abastecemento de auga
  • Explica que a información continua permite controlar en tempo real a calidade da auga, o consumo enerxético e o funcionamento dos equipos, o cal é clave para anticipar incidencias, optimizar recursos, reducir perdas na rede e mellorar a xestión
  • Contribúe a mellorar a calidade da auga nos fogares, a reducir cortes e avarías na rede e, ademais, prepara os sistemas municipais para afrontar retos como o cambio climático ou episodios de seca
 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o apoio prestado pola Xunta de Galicia aos concellos para avanzar na dixitalización da xestión da auga logo dun investimento de preto de 5 millóns de euros do que se beneficiaron 38 municipios de menos de 20.000 habitantes.

Durante unha visita ás actuacións acometidas no Concello de Boqueixón no marco do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga, impulsado polo Goberno galego, a conselleira fixo fincapé en que esta iniciativa “beneficia a arredor de 150.000 galegos, que dispoñen dunha subministración de auga máis fiable e unha xestión máis eficaz deste recurso “esencial e cada vez máis valioso”.

Nese senso, ángeles Vázquez explicou que a dixitalización permite vixiar a rede de abastecemento de forma continua -as 24 horas do día os 365 días do ano-, controlando en tempo real a calidade da auga, o consumo enerxético e o funcionamento dos equipos.

En concreto, o plan impulsado pola Xunta, a través de Augas de Galicia, permitiu instalar 239 estacións de monitorización instaladas en puntos estratéxicos do ciclo integral da auga, que xunto coa implantación de plataformas dixitais para a xestión de información, permiten procesar ata 4,8 millóns de datos ao mes e xestionar arredor de 160.000 rexistros diarios para mellorar o abastecemento de auga.

Nesa liña, a conselleira incidiu en que, fronte aos sistemas manuais de control, a monitorización dixital é automática e continua, o que resulta clave para anticiparse ás incidencias, optimizar recursos, reducir perdas na rede e mellorar a xestión, garantindo así un servizo máis eficiente e sostible.

Deste xeito, este proxecto contribúe “tanto a mellorar a calidade da auga nos fogares, xa que permite reaccionar con máis axilidade ante calquera risco no subministro, como a reducir cortes e avarías na rede”, sinalou ángeles Vázquez, quen engadiu que, ademais, prepara os sistemas municipais para afrontar retos como o cambio climático ou episodios de seca.

Máis polo miúdo, un rexistro histórico de datos facilita crear modelos preditivos que axuden á toma de decisións máis acertadas sobre a xestión do recurso. Así mesmo, poderán preverse situacións de risco como picos de demanda estival ou períodos de seca, o que permitirá activar medidas preventivas con antelación.

Polo tanto, tal e como subliñou a conselleira, a través deste plan de dixitalización, a Xunta colabora cos concellos na adopción de ferramentas que permiten a xestión e operación en remoto e en tempo real dos sistemas de abastecemento da súa titularidade. E, ao mesmo tempo, Augas de Galicia conta cun sistema de información que lle permite recompilar, visualizar e compartir datos relativos ao funcionamento dos sistemas monitorizados, como medio de supervisión e control do uso da auga.

No caso do Concello de Boqueixón, que hoxe visitou a conselleira, investiu máis de 120.000 euros na instalación de estacións de medición e rexistro en captacións, na estación de tratamento de auga potable de Orto e no depósito do Pico Sacro, así como para a implantación dunha plataforma dixital. Esta plataforma permite ao concello consultar nun único sistema os datos recollidos polos equipos instalados, visualizar a información en tempo real e mellorar a xestión ordinaria do abastecemento; e a Augas de Galicia dispoñer dunha visión integrada da información xerada polos sistemas monitorizados.

Para concluír, a representante autonómica lembrou que aínda que a maior parte dos sistemas de abastecemento están formados por infraestruturas de titularidade municipal e son os concellos os responsables da súa xestión e conservación, a Xunta colabora coas entidades locais para mellorar a calidade do servizo a través tanto da execución de obras como da prestación de apoio técnico e/ou económico.

Temas:Administración dixital, Administración local
Colectivos:Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia, Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido