O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional nas entidades locais galegas. Trátase da quinta convocatoria de acceso ás bolsas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada, tras as realizadas en 2017, 2019, 2021 e 2024.
Deste xeito, o Goberno galego busca dar resposta ás necesidades de persoal detectadas nas entidades locais e ao incremento de postos vacantes nos concellos con estas novas inclusións. Ademais, a convocatoria outórgalles a posibilidade de actualizar méritos aos actuais integrantes das bolsas.
Na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/) poden obterse os formularios necesarios para realizar desde mañá e durante o prazo de 15 días hábiles a presentación das novas solicitudes no procedemento con código PR410A e tamén para presentar as peticións de actualizacións de méritos no procedemento con código PR410B.
As persoas que presenten solicitude para novas inclusións e resulten admitidas definitivamente serán convocadas para realizar unha proba tipo test de 30 preguntas comúns e 30 específicas sobre o temario relacionado con cada subescala. Cada aspirante realizará as preguntas específicas propostas para cada unha das subescalas en que estea inscrito.
Por outra parte, as persoas que forman parte das listas xa existentes, con independencia da súa situación actual, poderán actualizar os méritos obtidos antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria. Non se admitirá actualización de méritos nos casos de exclusión definitiva por renuncia ao destino sen a conformidade da entidade local ou por calquera outra das causas de exclusión establecidas na citada Orde do 30 de novembro de 2017.
Pese que a cobertura definitiva de prazas vacantes destes postos é competencia estatal, ante as numerosas vacantes, a Xunta decidiu colaborar coas entidades locais galegas mediante a creación en 2017 dunha bolsa autonómica de interinos. Galicia foi así pioneira no Estado coa posta en marcha desta bolsa que permite ás entidades locais cubrir de forma inmediata os seus postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, evitando que cada concello teña que realizar estes procesos e minimizando as consecuencias que ocasionaría a falta deste colectivo. Dende a posta en marcha destas bolsas autonómicas fixéronse máis de 480 chamamentos e cubríronse 256 postos reservados con persoal interino nas catro convocatorias efectuadas ata hoxe, ás que se sumarán as que sexan admitidas e superen tanto o proceso selectivo como o curso de formación da convocatoria publicada hoxe.