O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste ano das achegas dirixidas a entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro para incentivar a contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. A estes apoios, que poderán solicitarse desde mañá ata o 13 de xullo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 6,5 M€ cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.
Deste xeito, con esta nova edición, o Goberno galego prevé beneficiar máis de 350 persoas desempregadas de entre 18 e 29 anos con contratacións a xornada completa por nove meses en labores relacionados cos fins non lucrativos da entidade e que contribúan a que adquiran a experiencia profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.
En concreto, a elas poden acceder, por unha banda, os concellos galegos, aos que da cantidade total se destinan 3 M€. Por outra banda, tamén poden optar a elas os organismos intermedios sen ánimo de lucro; é dicir, as asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais e de carácter tecnolóxico; os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, así como as agrupacións industriais empresariais que representen a un colectivo de empresas galegas, os clústeres empresariais e as asociacións de persoas autónomas. Para estas entidades, o orzamento é de 3,5 M€.
As achegas dan cobertura aos custos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas e poden chegar ata máis de 23.600 euros por persoa moza contratada nos nove meses, variando a cantidade en función do seu grupo de cotización.
Aposta polo emprego xuvenil
Este programa forma parte da aposta do Goberno galego para fomentar o emprego xuvenil, na que se inclúen outras medidas como o programa de primeira experiencia profesional. Desta iniciativa tamén se lanzou esta semana a convocatoria de 2026, dotada con máis de 8,7 M€ coa previsión de beneficiar en total máis de 520 persoas desempregadas, poñendo o foco na retención do talento mozo e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos. Esta edición inclúe como novidade unha nova liña de axudas para a formación de aprendices en oficios tradicionais.
Emprego con apoio
Ademais, hoxe abre o prazo de solicitude de axudas do programa de emprego con apoio, que se prolongará ata o 30 de setembro ou ata esgotamento do crédito. Está dotado con 450.000 euros e busca financiar os custos laborais derivados da contratación durante 12 meses de persoal preparador que preste apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa, co fin de favorecer a súa integración laboral.
Destas achegas poden beneficiarse asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como os centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das accións con apoio. Tamén poden optar as empresas e as persoas traballadoras autónomas.
Ligazón á orde de hoxe no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260611/AnuncioG0767-250526-0006_gl.html