A Xunta destina 10.597.196 euros á posta en marcha de 23 obradoiros duais de emprego que beneficiarán 460 alumnos/as - traballadores/as de 57 concellos e 4 mancomunidades (74 concellos en total) da provincia de Ourense. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, na súa visita á Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, onde tamén confirmou a concesión á devandita entidade do obradoiro de emprego ‘Ribeiro Ecosostible’, a piques de principiar.
O delegado territorial destacou que Ourense é unha das provincias máis favorecidas da concesión dos novos obradoiros duais de emprego polo Goberno galego, da primeira convocatoria 2026-2027. Neste eido, recentemente publicouse unha segunda convocatoria no Diario Oficial de Galicia da que o prazo de solicitude está aberto ata o 26 de xuño. En total, con ambas, o Goberno galego prevé beneficiar un cento de proxectos e arredor de 2.000 persoas.
Manuel Pardo sinalou que os obradoiros duais son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral.
Así mesmo, salientou Manuel Pardo a importancia destas medidas, pois a maiores de formar a persoas con especiais dificultades de inserción laboral que desenvolven un traballo de interese público remunerado, poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación -resaltou o representante do Goberno galego- adquiren ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e permitan obter un emprego de calidade.
Ademais, o delegado territorial engadiu que esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos; o obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas, e recalcou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación.
Formalidades e ámbitos prioritarios
O delegado territorial sinalou que estes obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes. Prevese a posibilidade de solicitar incentivos á contratación e axudas que promovan a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro con resultado de superado, durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.
Ambas convocatorias reservan crédito para obradoiros que impartan certificados profesionais da familia profesional agraria e da de seguridade e medio ambiente relacionadas coa prevención e extinción de incendios forestais. Inclúense nesta reserva os programas que teñan como obxecto a recuperación dos soutos de castiñeiros e os de xestión de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Estes programas complétanse con outros orientados a cubrir necesidades clave de man de obra en cada municipio, como poden ser a construción ou a atención sociosanitaria.
Concellos e Mancomunidades beneficiados
As catro mancomunidades adxudicatarias no marco da primeira convocatoria foron a Mancomunidade intermunicipal voluntaria Terra de Celanova, Mancomunidade voluntaria de municipios da comarca de Ourense, Mancomunidade de municipios da comarca de Verín e Mancomunidade intermunicipal da comarca do Ribeiro.
Os 57 concellos beneficiarios son os de A Bola, A Gudiña, A Merca, A Peroxa, A Rúa, A Teixeira, A Veiga, Amoeiro, Avión, Baltar, Beariz, Boborás, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Celanova, Coles, Cualedro, Gomesende, Larouco, Laza, Leiro, Manzaneda, Maside, Melón, Montederramo, Monterrei, O Barco de Valdeorras, O Bolo, O Carballiño, O Irixo, Oímbra, Os Blancos, Padrenda, Petín, Piñor, Porqueira, Punxín, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, Rubiá, San Amaro, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín, Vilardevós e Vilariño de Conso.
Hai que ter en conta que dentro das mancomunidades hai concellos que están entre os beneficiados doutros obradoiros duais.
O obradoiro de emprego ‘Ribeiro Ecosostible’
Este obradoiro, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vai investir 472.552 euros, formará a 20 alumnos - traballadores nos módulos de ‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’ e ‘Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas’; 10 alumnos/as - traballadores/as por módulo. Así mesmo, os alumnos – traballadores percibirán cursos de formación transversal e complementaria relacionada con produción forestal, labores de poda, informática, busca de emprego, igualdade e prevención de riscos laborais.
Actuacións previstas
No concello da Arnoia, as actuacións principais proxectadas irán encamiñadas a traballos de silvicultura e acondicionamento de sendeiros en masas forestais no monte dos Chaos e ao acondicionamento de beirarrúas e humanización de espazos públicos no concello da Arnoia.
No concello de Beade, traballarase na restauración do territorio afectado polo incendio no verán de 2025 e na humanización da praza da Picota.
No concello de Cenlle levarase a cabo a humanización do entorno da Igrexa de San Benito de Cuñas e acondicionarase o lavadoiro de Pazos Ermos.
No concello de Leiro, procederase ao acondicionamento da planta alta para vivenda social e rampla na antiga escola de Paredes e desenvolveranse traballos de conservación nos camiños de Trasouteiro - As Regueiras; Vilaverde-Paredes; Amidonda e Serantes-Valboa.