- Con estes fondos fináncianse coidados a domicilio e en dependencias públicas, servizos de madrugadores ou campamentos, entre outras actividades
O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle o listado de concellos, entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e Asociacións de Nais e Pais (Anpas) beneficiarias da última convocatoria de axudas do Plan Corresponsables. En total, a Xunta concede 7,4 millóns de euros para o desenvolvemento de programas que favorezan a conciliación e a corresponsabilidade familiar en fogares con menores de ata 16 anos.
Este orzamento distribúese en tres programas: 6,5 millóns de euros para as iniciativas que leven a cabo os concellos, 600.000 euros para as que impulsen as ANPAS e 300.000 euros para as que realicen as entidades sociais. A través do Plan Corresponsables, a Xunta financia coidados profesionais a domicilio e en dependencias públicas, como colexios, bibliotecas ou centros socioculturais. Tamén apoia actividades de campamentos, servizos de madrugadores, obradoiros lúdicos formativos ou xornadas de carácter divulgativo e cultural, entre outras.
Desde o ano pasado, o Plan Corresponsables conta con menos financiamento por parte do Goberno central, que fixo un recorte de preto de 50 millóns de euros e que supuxo para Galicia recibir 2,3 millóns de euros menos. Ademais, para paliar este recorte e a metade de exercicio, obrigou ás Comunidades Autónomas a financiar con fondos propios o 25% do Plan.