Ficha biblioteca

Nova A Xunta aborda coas deputacións de Ourense e Lugo e cos concellos máis afectados polas chuvias do pasado 17 de xuño as actuacións para axilizar a recuperación
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación30/06/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración local, Emerxencias e seguridade Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosEntidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición O conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e con representantes da Deputación de Lugo e dos municipios de Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilardevós, A Gudiña, A Rúa, Monforte e O Saviñao
Detalles contido
A Xunta aborda coas deputacións de Ourense e Lugo e cos concellos máis afectados polas chuvias do pasado 17 de xuño as actuacións para axilizar a recuperación O conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e con representantes da Deputación de Lugo e dos municipios de Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilardevós, A Gudiña, A Rúa, Monforte e O Saviñao
30/06/2026|Xunta de Galicia
  • Diego Calvo trasladoulles aos municipios que deberán achegar unha valoración detallada dos danos para avanzar nas posibles vías de colaboración
  • No caso de Viana do Bolo a través da Deputación de Ourense contratarase unha empresa para axilizar a retirada de residuos
 

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor e con representantes da deputación de Lugo e dos concellos máis afectados polas chuvias do pasado 17 de xuño. En concreto, dos municipios ourensáns de Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilardevós, A Gudiña e A Rúa e os lucenses de Monforte e O Saviñao. No encontro tamén participaron a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, así como o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

O encontro serviu para coordinar as actuacións necesarias de cara a avanzar na recuperación dos servizos e das infraestruturas danadas e impulsar actuacións que permitan dar unha resposta áxil ás necesidades dos concellos. Neste sentido, entre os principais asuntos abordados, estableceuse que os concellos afectados deben remitir unha valoración detallada dos danos nos seus municipios co obxectivo de avanzar nas posibles vías de colaboración.

No caso concreto de Viana do Bolo, a través da Deputación Provincial de Ourense contratarase unha empresa que permita axilizar a retirada dos residuos e materiais arrastrados polas riadas  co fin de favorecer a recuperación da normalidade no municipio e avanzar nos labores de limpeza e restauración das zonas afectadas.

Cómpre lembrar que o Goberno galego actuou desde o primeiro momento coa activación da alerta laranxa unha vez recibida a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e de MeteoGalicia. A Xunta informou da situación a concellos, deputacións e aos servizos do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia para reducir os riscos e potenciais danos.

Ademais, activáronse todos os recursos de emerxencia necesarios para atender as incidencias provocadas polas precipitacións. Así, segundo o informe presentado no Consello da Xunta da semana pasada, nos lugares afectados as riadas provocaron inundacións; arrastres masivos de terra, pedras e troncos; danos en vehículos, muros, alpendres e explotacións; cortes de estradas e accesos; así como afección a redes de abastecemento e electricidade. Ante estas incidencias o 112 Galicia recibiu case 2.400 chamadas que supuxeron a mobilización de ata 80 recursos, entre eles as agrupacións de voluntarios de Protección Civil da zona, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e os servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento, que interviñeron xunto con outro persoal dependente das administracións autonómica e locais. As intervencións centráronse na protección das persoas, o achique de vivendas e locais, a retirada de árbores e materiais, a sinalización e corte de vías, a apertura de accesos alternativos, a limpeza da lama e a prestación de apoio aos concellos que requiriron maquinaria pesada.

Por outra parte, no que se refire aos traballos de recuperación das infraestruturas afectadas, especialmente na rede viaria, en concreto na estrada OU-533, a Xunta actuou con axilidade para reparar os danos que as fortes choivas ocasionaron nun treito de 200 metros nesta estrada que une A Gudiña e A Rúa, no lugar de Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo. En 24 horas xa se restablecera a circulación en ambos os dous sentidos e séguese a traballar para retirar con axuda da maquinaria pesada os materiais arrastrados no pontón existente no punto afectado, e recuperar a normalidade o antes posible.

Temas:Administración local, Emerxencias e seguridade
Colectivos:Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido