- Ata o de agora a presenza do mosquito tigre foi detectada en 13 municipios galegos
- A Coruña incorpórase este ano aos 12 concellos nos que xa se confirmara a presenza deste insecto
A Xunta continúa a reforzar a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que neste 2026 forman parte 31 concellos co fin de identificar os principais organismos transmisores de enfermidades.
Dos 64 municipios convidados a participar na rede de vixilancia durante o presente ano, 26 confirmaron a súa adhesión: A Coruña, Betanzos, Carballo, Noia, Ordes, Santiago de Compostela, Vimianzo, Monforte de Lemos, Baiona, Bueu, A Guarda, Moaña, Mos, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
A estes 26 concellos engadíronse recentemente os municipios de Allariz, O Carballiño, Castrelo de Miño, Ourense e Rairiz de Veiga, tras a reunión informativa organizada polo Departamento Territorial de Sanidade en Ourense, na se informou da importancia da súa colaboración na vixilancia entomolóxica.
A Rede Galega de Vixilancia de Vectores foi creada en 2017 mediante un convenio de colaboración entre as consellerías de Sanidade e de Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.
O seu obxectivo é identificar os principais organismos transmisores de enfermidades humanas e animais, coñecer a súa distribución e abundancia, avaliar o risco de transmisión de patóxenos e facilitar a adopción de medidas preventivas para protexer a saúde da poboación.
Detección do mosquite tigre en Galicia
Na actualidade, en Galicia están presentes especies de mosquitos capaces de transmitir enfermidades como a causada polo virus do Nilo Occidental (mosquitos do xénero Culex) ou o dengue, chikungunya e zika (mosquito tigre, Aedes albopictus).
Aínda que estas especies de mosquitos non están a transmitir estas enfermidades na comunidade por non estaren infectados polos microorganismos causantes, a súa vixilancia resulta fundamental para detectar de forma temperá calquera cambio na situación epidemiolóxica.
Durante este 2026 confirmouse a presenza do mosquito tigre tamén no concello da Coruña, o primeiro na zona norte da comunidade e que se engade aos xa coñecidos de: Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio e Salvaterra de Miño.
Co obxectivo de avaliar a evolución da situación e coordinar as actuacións de seguimento e control, o vindeiro 9 de xullo reunirase o Comité Interdepartamental do Mosquito Tigre, no que participan os concellos con presenza confirmada deste vector, as áreas sanitarias implicadas e representantes dos distintos organismos colaboradores.
Toda a información sobre o mosquito tigre e as recomendacións de prevención pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública: https://www.sergas.es/Saude-publica/Mosquito-tigre?idioma=ga