Ficha biblioteca

Nova O Centro Dramático Galego estrea 'Os Pasadores' no Couto Mixto e inicia a xira ambulante de 'Ñiqui Ñaque' por 25 concellos
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación02/07/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasCultura, ocio e deporte, Espectáculos, Industrias culturais, Lecer Tipo de contidoEventos ColectivosCidadáns/ás, Entidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Ámbitos xeográficosGalicia
Imaxe do contido
Descrición A unidade teatral da Xunta presenta esta fin de semana dúas coproducións para espazos abertos, unha sobre as fronteiras e outra inspirada no teatro ambulante
Detalles contido
O Centro Dramático Galego estrea 'Os Pasadores' no Couto Mixto e inicia a xira ambulante de 'Ñiqui Ñaque' por 25 concellos A unidade teatral da Xunta presenta esta fin de semana dúas coproducións para espazos abertos, unha sobre as fronteiras e outra inspirada no teatro ambulante
02/07/2026|Xunta de Galicia
  • ‘Os pasadores’, creada pola autora e directora portuguesa Patrícia Portela, estréase este sábado en Santiago de Rubiás, no concello ourensán de Calvos de Randín
  • ‘ñiqui ñaque’, dirixida por Roberto Vázquez a partir do texto de Cándido Pazó, estréase este venres en Cangas para visitar municipios das catro provincias ao logo do verán

O Centro Dramático Galego estrea esta fin de semana dúas novas coproducións para espazos abertos: Os pasadores, que se presentará este sábado 4 en Santiago de Rubiás, no concello de Calvos de Randín (Ourense), no territorio do Couto Mixto, e ñiqui ñaque, que se estrea o venres 3 en Cangas de Morrazo (Pontevedra), no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, para iniciar a continuación unha extensa xira que levará esta proposta a outros 25 concellos galegos.

Con estas dúas propostas, a unidade teatral da Xunta de Galicia continúa a desenvolver a súa liña de produción e coprodución de espectáculos pensados para achegar a creación escénica a espazos abertos e públicos diversos. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza a presenza do teatro galego no territorio durante a programación de verán, como parte da campaña Para gustos, cultura, posta en marcha para este época de estío polo Goberno galego con 3.600 citas de 40 tipoloxías culturais en máis de 200 localidades, en liña coa Lei de cultura accesible e inclusiva de Galicia.

Memoria da fronteira

Os pasadores é unha coprodución internacional do Centro Dramático Galego con Rota Clandestina, Pirilampo e a Associação Cultural Prado. A montaxe, creada pola autora e directora portuguesa Patrícia Portela, preséntase como un espectáculo de rúa con características radiofónicas arredor da memoria das fronteiras, o contrabando, o exilio, a emigración e a procura da liberdade.

O espectáculo parte de historias reais de persoas que cruzaron a raia entre a Guerra Civil española e a Revolución dos Cravos en Portugal, ben para fuxir da guerra, da fame ou das ditaduras, ben para buscar traballo ou intercambiar bens escasos nun lado e abundantes no outro. A través desta ollada, Os pasadores propón unha reflexión sobre identidade, liberdade e territorio, ao tempo que recupera a memoria das persoas que habitaron e atravesaron a fronteira.

No elenco participan Pedro Sousa Loureiro, Mariña Léston, Patrícia Portela e ângela Rodrigues, xunto con persoas convidadas locais. A ficha artística conta con concepción, texto e dirección de Patrícia Portela; asistencia de dramaturxia de ângela Rodrigues; e filmacións de Rui Oliveira e Eloy Séren.

Teatro de rúa para todos os públicos

Pola súa banda, ñiqui ñaque é unha coprodución do Centro Dramático Galego con Espectáculos Valente, dirixida por Roberto Vázquez a partir do texto de Cándido Pazó. Trátase dun espectáculo de teatro de rúa para todos os públicos, protagonizado por Dani Lago e ángel Blanco, no que dous cómicos ambulantes viaxan nun motocarro avariado mentres preparan unha peculiar versión de Romeo e Xulieta.

Despois da súa presentación en Cangas de Morrazo con dobre pase o venres (na Alameda vella) e o sábado (no adro da igrexa de Darbo), a montaxe iniciará unha xira durante xullo  xullo e agosto por diferentes localidades galegas con practicamente funcións diarias e como parte da campaña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude Para gustos, cultura.

Nas primeiras semanas poderá verse en espazos abertos de Cambados (día 7), O Rosal (día 8), A Guarda (día 9), Allariz (día 10), Ponteceso (día 11), Pontedeume (día 14), Valdoviño (día 16), Ribadumia (día 17), Ponteareas (día 18), Padrón (día 22), Rianxo (día 23), Cervo (día 24), Foz (día 26), O Grove (día 28), Chantada (día 29) e Barbadás (día 30). En agosto visitará Lourenzá (día 2), Catoira (día 3), Taboadela (día 4), Taboada (día 5), Dumbría (día 7), Noia (día 8), Ortigueira (día 13), Rábade (día 16) e Vigo (día 22), onde rematará a xira nunha actuación que terá lugar no barrio de Bouzas. Tamén, o día 20 dese mes está prevista unha actuación de ñiqui ñaque na localidade onubense de Niebla.

 

 

Temas:Cultura, ocio e deporte, Espectáculos, Industrias culturais, Lecer
Colectivos:Cidadáns/ás, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido