Ficha biblioteca

Nova A Xunta reforza a Rede de apoio ao emprego coa contratación de 250 orientadores laborais en preto de 125 concellos e entidades sociais
Avisar de erros Imprimir ficha
Contido novo Valoración: 0 de 5 (0)
Datos contido
Información xeral
Data modificación07/07/2026 FonteXunta de Galicia
Taxonomía
TemasAdministración pública, Administración local, Economía, empresa e emprego Tipo de contidoNovas, Axudas e subvencións ColectivosCidadáns/ás, Desempregados/as, Entidades locais OrganizaciónsXunta de Galicia Ámbitos xeográficosGalicia
Descrición O Consello da Xunta analizou hoxe o informe da convocatoria de 2026 destas achegas que, cun investimento superior aos 8,2 M €, permitirán financiar 87 postos en entidades locais e 163 en entidades sen ánimo de lucro
Detalles contido
A Xunta reforza a Rede de apoio ao emprego coa contratación de 250 orientadores laborais en preto de 125 concellos e entidades sociais O Consello da Xunta analizou hoxe o informe da convocatoria de 2026 destas achegas que, cun investimento superior aos 8,2 M €, permitirán financiar 87 postos en entidades locais e 163 en entidades sen ánimo de lucro
07/07/2026|Xunta de Galicia
  • ― Esta rede, que o ano pasado atendeu máis de 93.000 persoas, complementa o labor das 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), achegando un servizo próximo ao territorio e ás persoas con máis dificultades de inserción laboral
  • ― O seu papel é clave na mellora da empregabilidade, mediante a realización de diagnósticos individualizados, deseño de itinerarios personalizados ou acompañamento e asesoría en materia de currículo, formación e mercado laboral
  • ― Ademais, estes profesionais son parte activa no perfilado competencial das persoas demandantes de emprego a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, da que xa se teñen beneficiado máis de 108.000 persoas
  • ― A actuación enmárcase no proceso de modernización do SPEG, xunto con outras medidas como a renovación das oficinas, a implantación de caixeiros autoservizo ou o impulso de accións de contacto directo co tecido empresarial

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina máis de 8,2 M € á contratación de 250 persoas técnicas de orientación laboral en preto de 80 concellos das catro provincias e arredor de 45 entidades sen ánimo de lucro de toda Galicia, co obxectivo de reforzar a atención ás persoas desempregadas e mellorar as súas oportunidades de inserción no mercado de traballo. Así o recolle o informe sobre a resolución da convocatoria de 2026 destas achegas, analizado hoxe no Consello da Xunta, que pon de manifesto a consolidación dun sistema de orientación laboral territorializado, complementario á rede de 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e orientado a achegar os servizos ao conxunto do territorio e ás necesidades reais das persoas e do tecido produtivo.

Estes profesionais desempeñan un papel clave na mellora da empregabilidade, ao realizar diagnósticos individualizados, ao definir itinerarios personalizados de inserción, ao acompañar os procesos de busca activa de emprego e ao ofrecer asesoramento técnico en materia de currículo, formación e mercado laboral. En 2025, esta rede atendeu máis de 93.000 persoas demandantes de emprego, o que dá conta do seu peso como instrumento de proximidade e apoio á inserción laboral.

Do total de contratos que permitirá formalizar a convocatoria, 87 deles corresponden a entidades locais e 163 a entidades sen ánimo de lucro, o que reforza especialmente a cobertura en zonas con menor densidade de recursos de orientación e o que garante unha mellor equidade territorial no acceso ao servizo, ademais da atención de colectivos con maiores dificultades de inserción.  

Ademais, o persoal orientador contratado en concellos e entidades sen ánimo de lucro ten un papel relevante no desenvolvemento do perfilado competencial que se está a realizar a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, coa que xa se teñen perfilado máis de 108.000 persoas demandantes de emprego, o que permite axustar mellor as recomendacións de formación e inserción ás características reais de cada persoa e ás necesidades do mercado laboral. Todo isto nun contexto no que o mercado laboral galego continúa a rexistrar cifras históricas tras acadar no mes de xuño os datos máis baixos tanto de desemprego, con 105.768 persoas en paro, e os máis altos en canto a afiliacións, chegando a 1.123.034 cotizantes.

Os contratos destes orientadores terán unha duración de 12 meses e están financiados cunha contía de 33.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral, destinada a cubrir tanto os custos salariais como a cotización á Seguridade Social. Tamén se financian módulos adicionais para gastos de funcionamento, formación e apoio técnico, que se incrementan en función do tipo de entidade e das súas características.

Modernización e reforzo do SPEG

O fortalecemento deste sistema de orientación súmase ao proceso de modernización e mellora continua do SPEG, co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis accesible, eficiente e centrado nas persoas. Neste contexto, ademais da consolidación da ferramenta EMi, continúase a avanzar no programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, orientado a mellorar a atención dos perfís con maiores dificultades de inserción e a optimizar os recursos dispoñibles. Grazas a esta iniciativa, ofreceuse atención personalizada a case 58.000 persoas, das cales arredor de 18.400 lograron a súa inserción laboral.

Así mesmo, ao longo de 2026 séguense a impulsar actuacións de contacto directo co tecido empresarial mediante sesións grupais e encontros entre empresas e persoas demandantes de emprego, co obxectivo de mellorar o axuste entre oferta e demanda laboral. Estas iniciativas complétanse con outras medidas de modernización, como a renovación das oficinas de emprego, a incorporación de novos caixeiros de autoservizo para trámites habituais —tanto nas oficinas do Servizo Público de Emprego como en 170 concellos rurais—, o impulso da formación continua do persoal do SPEG e o desenvolvemento de actuacións orientadas a mellorar a empregabilidade ao longo de toda a vida laboral.

Temas:Administración pública, Administración local, Economía, empresa e emprego
Colectivos:Cidadáns/ás, Desempregados/as, Entidades locais
Organizacións:Xunta de Galicia
Ámbitos xeográficos:Galicia
Valorar:
Compartir contido