- Na comarca do Condado-Paradanta foron sete os concellos que se beneficiaron destas axudas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o programa As Neves Concilia, unha iniciativa impulsada polo Concello das Neves ao abeiro das axudas do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, destinadas a favorecer a conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
Durante a visita, Fernández destacou a importancia deste tipo de programas para “ofrecer ás familias recursos que lles permitan compatibilizar as súas responsabilidades laborais co coidado dos seus fillos e fillas, especialmente durante os períodos non lectivos ou fóra do horario escolar”.
O delegado territorial lembrou que a Xunta destina este ano un total de 7,4 millóns de euros ao desenvolvemento de programas de conciliación en toda Galicia. Desta contía, 6,5 millóns de euros están dirixidos ás iniciativas impulsadas polos concellos, mentres que 600.000 euros se destinan ás actividades organizadas polas ANPAS e 300.000 euros a proxectos promovidos por entidades sociais.
No caso da provincia de Pontevedra ao redor de 30 concellos resultaron beneficiarios destas axudas, cun investimento próximo ao millón de euros. Na comarca do Condado-Paradanta son sete os municipios que reciben financiamento para desenvolver programas de conciliación.
Pablo Fernández salientou que estas achegas permiten aos concellos poñer en marcha ou reforzar servizos como o coidado profesional de menores en espazos públicos, campamentos, programas de madrugadores, obradoiros lúdicos ou actividades culturais, “iniciativas que non só facilitan a organización das familias, senón que tamén ofrecen aos nenos e nenas alternativas educativas e de lecer de calidade”.