A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, abriu hoxe no IES Eusebio da Guarda da Coruña a última mesa de traballo para a elaboración do Plan Local de I+D+i na que participaron unha trintena de representantes dos concellos e da I+G+i (empresas, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación...). O impulso á innovación local é unha prioridade estratéxica para Galicia, recollida como unha novidade e unha iniciativa de alto impacto no Plan Galego de I+D+i 2025-2027, e, por iso, a Xunta de Galicia puxo en marcha este proceso participativo para definir este documento marco que servirá de referencia aos concellos para incentivar a innovación no ámbito local.
Neste senso, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, apuntou que o obxectivo da Xunta é achegar a innovación a todo o territorio e o Plan Local de I+D+i pretende facilitarlle ás entidades locais as ferramentas necesarias para innovar. Precisamente, as xornadas que rematan hoxe e que se celebraron nas catro provincias galegas perseguen definir conxuntamente esta folla de ruta, un documento práctico que inclúa modelos de gobernanza, instrumentos de innovación, casos de éxito que poidan ser replicables, fontes de financiamento e modelos de plans que cada concello poida adaptar á súa realidade.
Cotelo destacou que en Galicia xa hai moita innovación local, entendida como ofrecer mellores respostas aos problemas da cidadanía, en eidos como a mobilidade, a enerxía, os datos, os servizos sociais, o turismo, a vivenda, a sustentabilidade, a administración dixital ou o desenvolvemento rural. A partir deste marco común, o Plan local de I+D+i avanzarase posteriormente na posta en marcha de plans locais piloto, adaptados ás necesidades concretas dos municipios. Partindo dun diagnóstico e identificación dos seus retos, establecerán prioridades e actuacións, vías de financiamento, colaboracións e mecanismos de seguimento.
Próximos pasos: un congreso nacional e un premio
Este proceso participativo de elaboración do Plan local de I+D+i comezou hai un ano, en decembro de 2025, coa xornada “Cara á transformación municipal: Plans locais de I+D+i”, na que participaron máis de 130 representantes de entidades locais, deputacións, grupos de acción rural e axentes do ecosistema innovador. Esta cita permitiu escoitar directamente aos responsables locais e coñecer experiencias que xa se están desenvolvendo.
Ao longo destes meses foise avanzando noutras direccións, en estreita colaboración coa FEGAMP. Estas mesas provinciais, que rematan hoxe, son unha nova peza neste proceso, que permitirán incorporar a visión das persoas que coñecen de primeira man os problemas e as oportunidades do territorio.
Os vindeiros pasos son a celebración os vindeiros 3 e 4 de decembro en Santiago de Compostela do I Congreso Nacional de Innovación Local, que aspira a converterse nun punto de encontro entre administracións locais de toda España para compartir experiencias, coñecementos e boas prácticas. No marco deste congreso convocamos tamén o Premio á Innovación Local, para dar visibilidade ás boas iniciativas que xa existen nos concellos, con tres categorías segundo o tamaño dos concellos: ata 10.000 habitantes, entre 10.000 e 50.000 e máis de 50.000 habitantes, cuxo prazo para presentar candidaturas remata o 5 de outubro.