EMPRENDE EN 3

Emprende en 3 xorde como unha iniciativa do Goberno de España, coa colaboración das Comunidades Autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias (F.E.M.P), para axilizar os trámites de creación de empresas e outras comunicacións relacionadas cós/as emprendedores/as e as Administracións Públicas no ámbito local, mediante servizos de Administración Electrónica.

Recentemente asinouse o protocolo xeral entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a Xunta de Galicia, a FEMP e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a Promoción e Fomento da Utilización da plataforma Emprende en 3 (EE3). Así, co obxectivo de promover a adhesión das EELL á plataforma Emprende en 3, desde a Xunta de Galicia (AMTEGA) ofrecerase información sobre aadhesión e o acceso á plataforma.

 

CAL É O OBXECTIVO DE EMPRENDE EN 3?

O Inicio de Actividade implica a solicitude á Entidade Local de determinadas licenzas (Licenza de Actividade, Instalacións e Obras, e Licenza de Funcionamento). A concesión destas licenzas leva un procedemento de control e verificación ás veces demasiado lento, atrasando o exercicio da actividade cos prexuízos que isto supón. O obxectivo do proxecto Emprende en 3 é a redución dos prazos para a creación de empresas, mediante a unificación das plataformas tecnolóxicas existentes, e a simplificación dos trámites involucrados.

Esta simplificación de trámites implica que as licenzas previas ao comezo de actividade son substituídas por Declaracións Responsables, de maneira que se pode iniciar a execución de obras e instalacións, e o exercicio da actividade comercial e de servizos coa presentación ante a Entidade Local dunha Declaración Responsable, na que o empresario declara cumprir os requisitos esixidos pola normativa vixente e dispoñer dos documentos que se esixan.

Os tipos de sociedades que se poden beneficiar desta simplificación de trámites son:

  • Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE).
  • Sociedade de Responsabilidade Limitada (SRL ou SL).
  • Empresario/a Individual (Autónomo/a).

CALES SON AS VANTAXES DO USO DE EMPRENDE EN 3?

A Plataforma Emprende en 3 comprende vantaxes importantes, non só para os emprendedores a quen lles permite axilizar de maneira substancial o proceso de creación de empresas, senón tamén para as Entidades Locais que procedan á adhesión, tales como as seguintes:

  • Impulso da actividade económica no seu municipio, permitindo a creación de empresas de forma áxil e rápida.
  • Redución de custos administrativos e tempo de tramitación.
  • Rexistro, clasificación, e almacenamento telemático da información.
  • Acceso Universal a través de Internet.

Emprende en 3 integra as iniciativas xa existentes de Administración Electrónica (EUGO, CIRCE…) e posibilita redirecionar ao/á emprendedor/a desde as plataformas propias das Entidades Locais.

Emprende en 3 para emprendedores/as

Con Emprende en 3 poderá poñer en marcha o seu negocio, ou realizar outros trámites relacionados de forma sinxela e sen moverse da súa casa, tales como ampliar o seu local ou modificar a súa actividade comercial.

Que debe facer?

Tan só terá que encher un formulario cos datos que se solicitan, o cal será recibido polo Concello onde resida o seu negocio. Unha vez que envíe o formulario, obterá un xustificante de rexistro que lle habilita a exercer a súa actividade comercial nun prazo máximo de 3 días hábiles, se cumpre todos os requisitos da normativa aplicable.

Para saber se o seu Concello está adherido consulte a seguinte LISTA.

Que necesita? / Como acceder?

Tan só o seu computador, conexión a Internet, e DNI electrónico ou certificado dixital para asinar os seus trámites.

Identifíquese con Cl@ve , un sistema para identificarse electronicamente nas relacións coas Administracións Públicas.

Ten algunha dúbida?

Consulte a Guía rápida para emprendedores/as.
Consulte o Manual de Usuario/a.
Consulte a listaxe de actividades económicas dispoñible para Emprende En 3: IAE.
Para calquera outra consulta diríxase á seguinte dirección https://ssweb.seap.minhap.es/ayuda/consulta/EE3.

 

Emprende en 3 para Entidades locais

As Entidades Locais poderán adherirse á Plataforma Tecnolóxica Emprende en 3 segundo o aproben os seus órganos de goberno de maneira inmediata e sen ningún tipo de custo, permitindo, a partir dese momento, a tramitación completa da creación de empresas a través deste sistema en todas aquelas entidades locais integradas. O procedemento de adhesión é moi sinxelo, realízase de maneira telemática, e supón un gran avance en canto á dinamización e impulso do negocio no municipio, pois favorece a creación de empresas de maneira rápida e sempre en consonancia coa normativa autonómica.

Os aspectos principais aos que se comprometen as Entidades Locais ao utilizar a plataforma quedan detallados na Resolución de 31 de maio de 2013 e a súa posterior modificación coa Resolución de 20 de Xaneiro de 2014, pola que se establecen as condicións de Uso da Plataforma Electrónica de intercambio de información Emprende en 3, definíndose ademais un "Modelo Tipo de Declaración Responsable".

Ademais, para que as Entidades Locais poidan adaptar as súas normas de control e intervención municipal aos requisitos de liberalización do comercio e aos de Administración electrónica e simplificación administrativa, contemplados na Lei 12/2012, a Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), aprobou unha "Ordenanza tipo" como ferramenta de axuda que poida servir como modelo ás Entidades Locais.

Que necesita?

O único requisito é ter acceso a internet e dispoñer dun certificado dixital ou DNI electrónico.

Emprende en 3 pon a disposición do emprendedor, a través do portal EUGO.es, un servizo para a presentación de Declaracións Responsables, así como un acceso aos municipios adheridos para a recepción e xestión das mesmas a través do Portal de Entidades Locais (https://ssweb.seap.minhap.es/portalEELL/).

Como acceder? / Que debe facer?

O procedemento de adhesión á Plataforma Emprende en 3 é inmediato. Simplemente é necesario que un/unha usuario/a que ostente o cargo de alcalde/sa, secretario/a ou xestor/a designado polo/a alcalde/sa se identifique no portal web de Entidades Locais (https://ssweb.seap.minhap.es/portalEELL/co seu DNI electrónico ou Certificado Dixital e asine a adhesión, de acordo coas Condicións de Uso publicadas en Acordo de Consello de Ministros e aprobadas pola Resolución de 31 de maio de 2013 da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, e modificadas pola Resolución de 20 de xaneiro de 2014.

Ao asinar a adhesión, a súa Entidade Local formará parte da Plataforma Emprende en 3, e os/as usuarios/as dados de alta no Portal de Entidades Locais (https://ssweb.seap.minhap.es/portalEELL/), que dispoñan do permiso correspondente, poderán recibir, a través da aplicación CORINTO, as Declaracións Responsable de forma telemática nunha caixa de correos creada especificamente para a súa Entidade, empezando a traballar reducindo os trámites.

Entidades galegas adheridas a Emprende en 3

Pode coñecer as EELL galegas adheridas actualmente á Plataforma Emprende consultando a seguinte LISTA.

Ten algunha dúbida?

No caso de que unha entidade local teña algunha dúbida sobre a plataforma Emprende en 3 pode consultar a documentación que se indica a continuación ou poñerse en contacto co soporte a entidades locais da Xunta (área privada de Eidolocal):