• Inicio
  • Espazo de transparencia

ESPAZO DE TRANSPARENCIA LOCAL

A Lei 19/2013, de 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, susténtase en tres piares fundamentais: o primeiro, ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública, o segundo, regular e garantir o dereito de acceso á información relativa a aquela actividade e terceiro, establecer as obrigacións de bo goberno que deben cumprir os responsables públicos.

Para contribuír ao cumprimento dos dous últimos piares a FEGAMP elaborou o Plan de Transparencia e Bo Goberno para Entidades Locais o cal, pretende ser un complemento da lexislación estatal na materia, e un instrumento que amplíe e ao tempo facilite a aplicación das esixencias para as entidades locais que fixa a Lei.

Este espazo de transparencia tratará de dar cumprimento ao primeiro dos piares nos que se sustenta a Lei:  a transparencia da actividade pública

 

Finalidade

Este espazo, froito da colaboración da Dirección Xeral de Administración Local (DXAL), a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), nace coa dobre finalidade de dotar aos aos entes locais dunha plataforma para cumprir coas obrigacións de publicidade que lles esixe a Lei de Transparencia e de facilitar á cidadanía unha ferramenta de consulta da información relativa á actividade da Administración local.

Este novo espazo do portal Eidolocal posibilita ampliar a transparencia da actividade pública, aglutinando determinado tipo de información actualizada referida a actividade da mesma, facilitando así a súa consulta dunha forma clara, estruturada, entendible e de fácil acceso.

Contido

O "Espazo de transparencia" vai abarcar información estruturada nos seguintes ámbitos:

  • Institución, organización, planificación e persoal
  • Altos cargos e persoal directivo
  • Xurídica e patrimonial
  • Contratación, convenios e subvencións
  • Económica, financeira e orzamentaria
  • Servizos e procedementos

Para máis información pode consultar a guía explicativa do servizo na seguinte ligazón: guía rápida espazo transparencia.

 

Suxestións sobre o espazo de transparencia local

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e a FEGAMP veñen de subscribir, o 18 de xullo de 2016, un Convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, para o impulso, difusión e a mellora da transparencia no ámbito local de Galicia.

Neste marco, e de cara a facilitar o cumprimento polos concellos da Lei 9/2013, de 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo goberno, ábrese un espazo colaborativo onde os concellos poderán enviar durante o prazo dun mes (a partir do 10 de outubro), as suxestións que consideren oportunas de cara á mellora deste espazo de transparencia local, a través dun formulario web ao que pode acceder aquí: Formulario de suxestións sobre o espazo de transparencia local.

Solicitude do servizo

Para dispoñer deste novo servizo en Eidolocal deberá solicitalo ao CAU da Xunta (cau-periferico@xunta.es ou fax: 981 545274) a través do modelo de solicitude de alta que poderá atopar premendo na seguinte ligazón.

Se xa dispón dunha plataforma onde figure esta información (web propia, web transparencia, etc) poderá enlazala directamente no portal Eidolocal unha vez solicite o servizo indicando na solicitude a URL completa da súa plataforma de transparencia.

Para calquera dúbida pode poñerse en contacto co CAU a través do teléfono 881 995 300 ou da conta de correo cau-periferico@xunta.es