Premios Coopera 2016

Institúense os premios Coopera Galicia Entidades Locais 2016 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública dos mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Proxectos galardoados

Nesta edición, os tres proxectos galardoados foron impulsados por mancomunidades. O primeiro premio recaeu na mancomunidade da comarca de Ordes, polo seu servizo Conecta CIM. A iniciativa aposta polo uso de novas ferramentas de comunicación para facilitar o acceso non presencial ás usuarias do Centro de Información á Muller. Deste xeito, a través da plataforma informática, poden solicitar citas, establecer conversas, ocultar a propia plataforma no dispositivo, e usala en zonas sen cobertura ou datos. Préstase así un apoio adicional a un ámbito prioritario para o Goberno galego como é a igualdade e loita contra a violencia de xénero.

O segundo premio foi este ano para a mancomunidade de Terras de Celanova pola implantación do servizo de fisioterapia e podoloxía no programa de axuda no fogar. Con esta iniciativa, mellórase a calidade deste servizo, destinado a persoas maiores con déficits de autonomía ou con discapacidade.

Xa por último, a mancomunidade turística Terras do Avia recibiu o terceiro premio grazas á posta en marcha da súa aplicación turística. Trátase dunha guía virtual que persegue promover a beleza da comarca e divulgar os puntos de interese para axudar aos viaxeiros. Ademais, permite a xeolocalización do usuario para amosar os puntos de interese máis próximos á súa ubicación.

Os tres galardoados constitúen un exemplo de cooperación en beneficio dos veciños, que poden dispoñer de mellores servizos prestados de xeito eficiente e eficaz. Estas iniciativas de colaboración correspóndense tamén coa aposta decidida do Goberno galego por impulsar este tipo de proxectos, un apoio que se demostra en feitos como que a maioría das ordes de axudas a concellos da Xunta priorizan aos que ofrecen xestión conxunta; ou na posta en marcha do fondo de fusións en Galicia, que rexistrou as dúas únicas fusións de España no último cuarto de século.

A continuación pódense consultar un vídeo-resumo sobre cada unha das iniciativas premiadas:

 

Mancomunidade de Ordes
Mancomunidade de Terras de Celanova
Mancomunidade turística de Terras do Avia