Premios Coopera 2017

Institúense os premios Coopera Galicia Entidades Locais 2017 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública dos mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Proxectos galardoados

Nesta edición, os tres proxectos galardoados foron impulsados por mancomunidades. O primeiro premio, cunha dotación económica de 40.000 €, recaeu na Mancomunidade Terra de Celanova, integrada polos concellos de Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado; Ramirás e Verea, e consiste na mellora dos servizos prestados polo Centro de Información á Muller da Mancomunidade. O proxecto da Mancomunidade Terra de Celanova parte da premisa de que a conciliación implica compartir e distribuír equitativa e responsablemente as oportunidades en tódolos campos da vida: familiar, laboral, social, económica e persoal, esta é una tarefa de mulleres e de homes. Este proxecto de innovación trátase da creación dunha aula de conciliación e actividades formativas para mulleres. O proxecto quere ser consecuente e continuar coas actividades que se están a levar a cabo actualmente na oficina do CIM, coa consolidación de obxectivos, programas e servizos dirixidos á familia e á infancia e a mellora permanente da atención prestada as cidadás e cidadáns da comarca Terra de Celanova.

O segundo premio, cunha dotación económica de 25.000 €, foi este ano para a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, integrada polos concellos de Alfoz, Burela, Foz, A Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Ribadeo, Trabada e Riotorto. O proxecto piloto que presenta a mancomunidade consiste en poñer en marcha un programa de sensibilización sobre violencia de xénero e igualdade entre homes e mulleres, cun enfoque transversal, integral e sistémico destinado á poboación adolescente, utilizando como espazo de intervención os centros de ensino. Apóstase por converter e transformar as aulas en foros de reflexión individual e conxunta no que experimentar co alumnado, profesorado e familias con novas metodoloxías, dinámicas e actividades orientadas a cuestionar pensamentos, crenzas e roles; motivando a crítica construtiva, o respecto, a tolerancia e as habilidades persoais como ferramenta para a resolución de conflitos, a adquisición de competencias e a mellora da autoestima. O programa chámase CATUXA, siglas correspondentes aos factores clave, premisas e características que o compoñen: Coeducación, Aprendizaxe Transversal e Unidade de Xénero para a Adolescencia.

Xa por último, o terceiro premio cunha dotación económica de 12.500 €, presentado pola Mancomunidade Turística dos concellos de O Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, agrupada cos concellos de Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, A Cortegada, Maside, O Irixo, Piñor, Pontedeva, San Amaro e San Cristovo de Cea do Avia, é o Convenio de colaboración o Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño que se materializa no Programa de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo do Ribeiro, contribuíndo á potenciación do Xeodestino que configura o ámbito desta comarca e á súa consolidación como destino turístico de interior e consecuentemente, xerador de emprego e redistribuidor de riqueza

Os tres galardoados constitúen un exemplo de cooperación en beneficio dos veciños, que poden dispoñer de mellores servizos prestados de xeito eficiente e eficaz. Estas iniciativas de colaboración correspóndense tamén coa aposta decidida do Goberno galego por impulsar este tipo de proxectos, un apoio que se demostra en feitos como que a maioría das ordes de axudas a concellos da Xunta priorizan aos que ofrecen xestión conxunta; ou na posta en marcha do fondo de fusións en Galicia, que rexistrou as dúas únicas fusións de España no último cuarto de século.

A continuación pódense consultar un vídeo-resumo sobre cada unha das iniciativas premiadas:

 

Mancomunidade Terra de Celanova
Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense
Mancomunidade Turística de Terras do Avia